Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña chama a reivindicar a soberanía no Día da Patria galega

Ribadeo, 19 de xullo de 2013. O BNG da Mariña levou a cabo unha xornada de celebración con motivo do vindeiro Día da Patria o 25 de xullo este venres 19 de xullo nun acto que acolleu unha degustación de produtos locais, a prezos populares, coa idea de poñelos en valor, e rematou cun acto público onde participou o responsábel local do BNG en Ribadeo, Marcos Loureiro, xunto ao alcalde, Fernando Suárez, e a responsábel comarcal da formación, Ana Ermida.

Durante a súa intervención, Marcos Loureiro afirmou que “desde o BNG incidimos na necesidade de mobilización social porque a sociedade non pode ficar de brazos cruzados mentres se toman medidas que agravan aínda máis a recesión e destrúen aínda moitos máis postos de traballo. Temos capacidade de producir, de vivir dignamente, e proba diso son os produtos tradicionais e producidos no noso país que degustamos hoxe, xa que demostran claro apoio aos nosos sectores produtivos; pero a falla de políticas que teñan en conta os interese de Galiza impídenos desenvolvernos con dignidade e condéannos á miseria”.

Ana Ermida destacou que “o 25 de xullo é unha data fundamental para o nacionalismo, máis aínda este ano, pola situación que está a vivir o noso País, afogado polas políticas que aplican o goberno do Estado e a Unión Europea e que nos condenan á pobreza estrema. Día a día seguen a recortarnos dereitos e a precarizar as condicións de vida e laborais das maiorías sociais, obrigando a milleiros de rapaces e rapazas a emigrar fóra do país, polo que reivindicamos o dereito a vivir e a traballar de xeito digno na propia patria”.

Para o BNG, a falta de soberanía está vinculada aos problemas de moitos sectores produtivos galegos como o naval, pesqueiro, agrogandeiro, pequeno comercio e o “monumental roubo provocado polas participacións preferentes”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez falou da necesidade de darlle continuidade “ás reivindicacións que historicamente fixeron os nosos predecesores, reclamando a soberanía para a nación galega” e chamou a todos os mariñáns e mariñás a mobilizarse en defensa dos seus dereitos o vindeiro 25 de xullo en Compostela.

Exit mobile version