Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz móstrase moi descontento co estado do concello polo desgoberno do PP

Foz a 24 de xullo de 2013.- O BNG de Foz cualifica o estado do Concello de Foz de lamentable debido a inanición do goberno e critica o deficiente funcionamento dalgúns servizos municipais durante este mes de xullo.

Varias foron as queixas dos cidadáns respecto ás obras que se realizaron durante o mes de xullo pola súa inoportunidade e pola falta de previsión nas mesmas. Entre outras, as obras da Rúa do Mar ou as da zona da Illa Nova. A primeira das obras, en plenas festas do Carme, debido ao parecer ás obras para soterrar o cableado eléctrico. Esta obra non só resulta inadecuada debido ás datas senón tamén porque so se realiza nun tramo cativo da rúa cando sería máis lóxico facer un proxecto para toda a zona do Campo ou polo menos para a rúa completa. Outras das obras que se fixeron este mes foi a do cambio de sinalización de tráfico das rúas Illa Nova e Mariñeiro Chila, na zona da praia da Rapadoira, que resultou moi incómodo por non telo feito con anterioridade cando ademais xa llo tiñamos advertido hai meses ao grupo de goberno por parte do BNG. Unha das propostas que se lle fixeran desde o BNG é que se pintaran durante a primavera o pasos a peóns. Hoxe aínda están sen pintar co perigo que isto supón para os viandantes. Así mesmo, de nada valeu cambiar as zonas de aparcamento cando non se están a respectar, sen que o goberno municipal faga nada.

É evidente que o PP goberna o Concello de Foz a golpe de arroutadas, sen ningunha planificación e co obxectivo de contentar a unha minoría da poboación deixando á maioría ao marxe da acción de goberno. Particularmente notamos esta actitude na política de contratacións onde se ve claramente que se beneficia a certas empresas afíns ao PP e se discrimina ás demais. O trato discriminatorio obsérvase tamén no abandono que sofren as parroquias fronte á vila ou incluso dentro da vila certas zonas fronte a outras insuficientemente coidadas. Esta forma desidiosa de gobernar vese na limpeza e adecentamento das rúas, nos excrementos dos cans sen recoller, no abandono dos paseos, na mal funcionamento do alumeado público, na falta de coordinación do tráfico, na deficiente limpeza das praias, etc.

Outro dos episodios penosos deste mes que mostra ás claras o estilo de goberno do PP foi a eliminación dunha praza de educadora na escola infantil por parte da Xunta, sen que o goberno municipal dixera nada ao respecto e xustificando unha decisión da Xunta que vai a repercutir negativamente na calidade educativa da escola e obrigará a moitos pais e nais a levar aos seus fillos e fillas fóra da vila. Esta é unha demostración máis de que o goberno actual de Foz non defende os intereses do concello senón máis ben que aplaude calquera decisión do partido aínda que vaia en contra deses intereses. Unha actitude sometida e compracente totalmente inxustificada. Neste sentido, Basanta pídelle ao PP de Foz que “defenda antes os intereses do Concello que os do PP pois ata agora non o demostra”.

O BNG tamén denuncia unha falta de servizos enorme. Resulta incomprensible que non funcione a oficina de turismo os fins de semana, que os urinarios das praias non se abran ata mediodía, que a recollida de lixo sexa insuficiente ou que non haxa unha boa sinalización turística para os atractivos do Concello.

En definitiva, para o BNG o balance do primeiro mes de verán non é nada positivo. Máis ben continua a desidia e a falta de planificación do goberno municipal. Parece que a táctica de Raxoi se estenda a todo o PP: deixar pasar o tempo e que as cousas se resolvan soas, pero iso non serve de nada. Por iso, desde o BNG pedímoslle ao alcalde –aínda que pensemos que é clamar no deserto- que o goberno municipal se poña a gobernar e non se dedique so a dar palmadiñas nas costas.

Exit mobile version