Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Pleno da Deputación a paralización das sancións iniciadas pola Axencia Tributaria contra emigrantes retornados que non declararon a pensión que reciben do estranxeiro

Lugo, 23 de xullo de 2013. O portavoz do Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación lucense, Mario Outeiro, anunciou que, no pleno do vindeiro martes, pedirá o apoio de socialistas e populares para aprobar unha moción na que se insta ao Goberno do Estado a paralizar os expedientes sancionadores iniciados pola Axencia Tributaria contra os emigrantes que se benefician de pensións consolidadas no estranxeiro e que non declararon até o de agora.

Milleiros de galegos e galegas, dos que se calcula que entre 20.000 e 30.000 poderían ser lucenses e que a maioría superan os 80 anos de idade, están a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas desde o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro. Até este ano o fisco nunca solicitara a declaración destas pensións mais este cambio de política, segundo se explica desde as delegacións da Axencia Tributaria, responde á falla de fondos públicos que obriga a aplicar de xeito estrito a lei.

Para Mario Outeiro esta explicación non é máis que “a confirmación de que o Partido Popular ten como máxima de Goberno que os colectivos máis desfavorecidos paguen as consecuencias da crise económica provocada pola irresponsabilidade de banqueiros de dalgúns representantes políticos”.

“É inadmisíbel e inmoral -continuou o portavoz nacionalista- que mentres aos evasores fiscais se lles conceden amnistías, aos emigrantes retornados, que se viron obrigados a abandonar o país en busca dunha vida digna, se lles ameace con sancións que roldan os 15.000 euros pero que incluso poden chegar aos 110.000 euros e lles prometan flexibilidade para facer os pagos. É un ataque aos nosos maiores que están a ser o único sustento de moitas familias”.

Desde o Bloque insisten en que os afectados nunca recibiron información en relación á súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer a declaración anual do Imposto da Renda sobre Persoas Físicas o que confirma a falla de intencionalidade para defraudar. Ademais, os estados pagadores nunca expediron ningunha certificación en relación ás cantidades percibidas.

Mario Outeiro traslada o apoio do Grupo Provincial do BNG aos afectados e asegura que traballarán para conseguir o que entende “é a única saída posíbel a esta situación. O Goberno do Estado debe anular todos os expedientes sancionadores iniciados e iniciar unha campaña para informar adecuadamente aos pensionistas das súas obrigas tributarias futuras, obviando o período comprendido entre 2008 e 2012. Esta medida é a única razoábel e xusta”.

Exit mobile version