Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG responde ás acusacións proferidas polo PP no Pleno do 9 de xullo no Valadouro

Despois do pleno celebrado este martes 9 de xullo no Valadouro o BNG quere expresar públicamente o seguinte:

“O exalcalde señor Lamela fixo unha serie de manifestacións baseadas en falsidades que foron contestadas rotundamente, mais desexamos reproducilas para todos os medios de comunicación.

Queixábase o exalcalde de non telo apoiado na cuestión dos orzamentos municipais na sua época de rexedor, e de amosar agora boa sintonía ao respecto entre os grupos que integraban a oposición daquela, sen decatarse de que os orzamentos aprobados onte posúen un forte carácter social, eixo que cohesionou aos tres grupos para sacar ao concello da situación na que se atopaba con Lamela.

No orzamento municipal para 2013, onde se inclúen as partidas orzamentarias para gastos do grupo de goberno, vese que supoñen unha redución do 50% con respecto ao goberno anterior, é evidente que hai un cambio substancial nos gastos do grupo de goberno anterior e que a pesar de que agora imos contar con dúas persoas e non unha como antes, adicadas en diferente réxime de dedicación ao concello, isto vaille custar menos á veciñanza.

Visto o orzamento municipal consideramos que se inclúe a filosofía do modelo de goberno impulsado pola moción de censura que supuxo o cambio do goberno municipal aprobado polo pleno do pasado día 4 de xuño.

Constatamos a existencia dunha partida orzamentaria específica para a posta en marcha dun fondo de libros para os e as escolares do municipio que cursen estudos no sistema público, esta foi unha das condicións que o BNG puxo para o apoio á moción de censura que se enmarca dentro dun cambio de liña política para facer do concello unha ferramenta ao servizo da sociedade e coa sociedade nun momento onde moitas economías familiares sofren os efectos da crise económica, temos que poñer todos os medios ao alcance para intentar axudar, esta é unha desas medidas sociais como tamén o é multiplicar por dous os gastos en emerxencia social. Agardamos que a mecánica deste sistema se vaia consolidando porque de ser así vai supoñer un aforro importante en material escolar para os nosos veciños.

Tamén constatamos no apartado de investimento real que existe consignación orzamentaria para levar adiante actuación relevantes no concello e que este apartado segue supoñendo un porcentaxe moi importante do gasto do concello o cal é de resaltar cando vemos a situación económica dos concellos da contorna.

Parécenos tamén relevante facer mención á redución dos gastos do grupo de goberno en relación ao goberno anterior do Partido Popular, con mais persoas dedicadas ao goberno hai unha redución do 41% do gasto e sito é de resaltar nos tempos que corren.

Tamén queremos salientar a rapidez na presentación dos orzamentos, vemos a un goberno con ganas de facer cousas e iso é que a este concello lle interesa, mágoa que haxa un Partido Popular que non demostrara o mesmo e aínda tente recuperar por vía xudicial o que perdeu na vía democrática.

Insistimos no dito antes, con mais dedicación menos gasto para as arcas municipais, pasamos de 46.392 euros de gasto a 23.904 anuais e isto con dúas persoas e non unha dedicadas ao concello, divídese por dous o gasto que nos supoñía o anterior goberno municipal.

Afirmaba o señor Lamela que durante o bipartito, na Xunta déronse pasos a prol do polígono só coa intención de cobrar polo proxecto, e respostámoslle que ademais de ser falsa tal afirmación, el é o menos indicado para falar de cobrar, xa que dende o BNG facilitámoslle as cousas para que exercese como alcalde e conseguise dunha vez o polígono, outorgándolle un soldo de alcalde, non de operario, e el dedicouse a conducir a pá municipal, polo que lle respostamos que só exerceu de operario, pero con soldo de alcalde, algo que demostra a súa incapacidade política e xestora. Contestou Lamela que o bipartito sabía que o polígono non era viábel sen mudar as normas subsidiarias do Valadouro, e preguntámoslle: Quen gobernaba no Concello do Valadouro durante o bipartito na Xunta? Quen tiña a responsabilidade de axilizar as cuestión municipais para que a dotación autonómica fose viábel? Fica claro que a culpa de que o polígono nunca chegase ao Valadouro é exclusivamente do PP.

Cómpre recordarlle ao señor Lamela que o maior investimento que se produciu na súa etapa como alcalde veu da Deputación de Lugo, axuda xestionada dende o BNG local. El tiña os “gobernos amigos” na Xunta e no Estado, e máis algún personaxe natural do Valadouro que aparece na prensa repetidamente pero que nunca se preocupou do seu concello de orixe, nin sequera para botarlle unha man a Lamela”.

Última hora
Así mesmo, o concelleiro nacionalista do Valadouro, Eduardo Chao, apunta que “vimos de saber que a Consellaría decidiu eliminar unha coidadora da gardería pública de Ferreira e máis outra dun concello mariñao para abrir con esas dúas traballadoras a gardería pública de Alfoz. E, dende o BNG amosamos o noso rexeitamento á eliminación de traballadoras na gardería de Ferreira; xa que nos parece ben que abra a de Alfoz, pero non a costa da outra”.

Chao conclúe dicindo que “fica clara a política do PP: Dar servizos en falso, crear a sensación da apertura de novos servizos deixando outros en precario, entroques, nós o BNG, demos paso a un goberno local coa condición de poñer en marcha políticas sociais”.

Exit mobile version