Tal e como explicou o rexedor, durante o encontro acordouse que o Concello solicitará a Costas a desafectación da Casa do Mar do dominio público marítimo terrestre. Un trámite que permitirá á administración local recuperar a propiedade do edificio e, en consecuencia, darlle un uso e un aproveitamento en beneficio dos cervenses, como o traslado do Punto de Atención á Infancia cara esas instalacións.
O proceso administrativo para conseguir a desafectación e que a Casa do Mar volva ser de titularidade municipal será moi complexo, pero para Villares “é a única solución definitiva que lle podemos dar á Casa do Mar”. Un inmoble que na actualidade “ten un uso moi limitado” por atoparse baixo o dominio público marítimo terrestre, unha protección que complica e retrasa calquera obra, iniciativa ou tarefa que se queira realizar na Casa do Mar. Por estes motivos, que o edificio “volva a mans do Concello é a única saída que nos permitiría dispoñer ao cen por cen da Casa do Mar”.
O primeiro edil asegura que os trámites para reclamar a desafectación deste ben “comezarán de inmediato” para “acelerar o proceso na medida do posible”. O rexedor lembra que a Tesourería Xeral da Seguridade Social propuxéralle ao Concello o pagamento dun aluguer para poder utilizar a Casa do Mar, “unha saída que nós rexeitamos de pleno xa que era só unha medida transitoria e que non solucionaba de forma definitiva o problema, ao tempo que implicaba un gasto excesivo para as arcas municipais”.
Villares lembra que este asunto levaba bloqueado dende o ano 2008, momento no que o edificio quedou baleiro e case sen uso. A partir de aí e durante tres anos o Concello enviou escritos e solicitou entrevistas cos responsables da delegación en Lugo da Tesourería Xeral da Seguridade Social, “documentos que nunca saíron dos despachos da delegación e que, polo tanto, nunca chegaron ao seu destino: a central da TGSS en Madrid, onde tiñan que resolver as nosas solicitudes”.
O mandatario cervense asegura que foi co cambio de responsables na Tesourería Xeral da Seguridade Social no 2012 cando se desbloqueou a cesión da Casa do Mar. A primeira das xestións foi unha reunión en Lugo co subdelegado do Goberno que propiciou que ao día seguinte o director provincial do INSS, Antonio Nores, visitase a Casa do Mar. “A partir dese momento iniciamos numerosos contactos coas distintas administracións implicadas para buscar unha solución, que cada vez está algo máis cerca” remata o rexedor.