Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo presenta as ‘Noites Alternativas’ con sete actividades deportivas e de lecer en xullo e agosto

noites_alternativasCervo, 3 de xullo de 2013-A delegación de Deportes, que dirixe Luis Guillén, deu hoxe a coñecer as actividades incluídas nas Noites Alternativas. Un programa de lecer nocturno no período estival que nesta ocasión conta con sete disciplinas diferentes que se desenvolverán entre os meses de xullo e agosto de 22:00 a 00:30 horas e que arrinca este martes coas primeiras competicións.

En concreto ofrécese fútbol praia, voleibol praia, fútbol sala, baloncesto e pádel, así como a noite dos patíns, onde se poderá practicar con distintos tipos de patíns tanto de forma libre como en circuítos, así como a noite de orientación, un xogo no que os participantes terán que seguir unha serie de probas que irán atopando pola vila de San Ciprián.

Nesta ocasión o programa conta con dúas novidades con respecto ao ano pasado, como son o pádel e o voleibol praia, que xa se ofreceran en anteriores edicións pero que se recuperan este ano. Unhas actividades que terán lugar en diferentes localizacións atendendo ás disciplinas, como son a praia do Torno, a praza dos Campos e a pista de pádel do polígono de Cuíña.

Os participantes distribuiranse en franxas de idade dentro de cada modalidade, establecéndose cinco categorías: sub 10, 12, 15, 17 e sénior. En canto ás inscricións, pódense realizar o primeiro día antes do comezo de cada actividade. Para máis información poden chamar ao 636 504 155 (María).

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén e a representante dá área de Deportes de IG10, María Gómez presentaron esta mañá o cartel e o programa dunha iniciativa “coa que procuramos que a mocidade e a poboación en xeral se manteña activa durante os meses do verán e aproveite o seu tempo libre para facer exercicio e compartir unhas horas de diversión conxunta” explica Guillén. O edil agarda que nesta edición o programa teña unha excelente acollida “tal e como vén sucedendo en anteriores edicións”. O delegado de Deportes lembra que o ano pasado participaron nas Noites Alternativas unhas 450 persoas.

CALENDARIO:
Fútbol praia: 9, 10 e 11 de xullo
Voleibol praia: 22 e 23 de xullo
Noite dos Patíns: 24 de xullo
Fútbol sala: 30, 31 de xullo e 1 de agosto
Baloncesto: 6, 7 e 8 de agosto
Noite de Orientación: 20 de agosto
Pádel: 21 e 22 de agosto

Exit mobile version