Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz suspendeu o concerto do Sons na rúa e o Festival de Inmigración ademais doutros actos

concentracion fozFoz, 26 de xullo de 2013. O Concello de Foz suspendeu o concerto do ciclo Sons na Rúa, que estaba programado para hoxe, venres, ás 21 horas na praza Pardo de Cela, e o Festival da Inmigración previsto para mañá, sábado. Tampouco houbo varios actos que se ían celebrar onte. Ademais, para honrar ás vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Santiago de Compostela este mediodía houbo unha concentración silenciosa de 5 minutos diante da Casa do Concello.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, manifestou que “membros da corporación municipal de Foz, traballadores municipais, outros veciños e incluso turistas quixemos facer 5 minutos de silencio ás doce da mañá diante da Casa do Concello, igual que todos os demais concellos de Galicia, na honra das persoas que faleceron o pasado mércores no accidente de ferrocarril ocorrido en Santiago e para desexar unha pronta recuperación a aqueles feridos que aínda están no hospital. Tamén hai que agradecer toda a colaboración e solidariedade que se viu nestes días no pobo galego en xeral, pero sobre todo por parte daqueles funcionarios, policías, brigadas de Protección Civil, bombeiros, facultativos do hospital e sanitarios que estiveron e están coidando dos accidentados; e especialmente esa solidariedade que tiveron os veciños de Santiago tanto na atención no momento do accidente como tamén despois na doazón de sangue. É certo que estamos todos apesarados e doídos pero tamén orgullosos de como o pobo galego respondeu a este desgraciado accidente”.

O rexedor municipal tamén comentou que “ademais destes 5 minutos de silencio o Concello de Foz suspendeu varios actos que tiña para esta fin de semana e para todos estes 7 días de loito oficial: as dúas procesións que había tanto en Fazouro como en Foz, para celebrar o día do patrón; o concerto do ciclo Sons na Rúa programado para hoxe; tamén o festival da inmigración, que estaba previsto para mañá, sábado; e ademais onte tampouco se celebrou a 51 edición da regata de piragüismo, polo cal teño que agradecer aos organizadores, tanto ao club Kayak como á propia Federación, que decidirán a suspensión a pesar de que xa había moitas cousas programadas e moita xente que fixera o desprazamento, polo que foi bastante complexo aprazar esa proba”.

Javier Castiñeira explicou que algúns destes actos quedan suspendidos definitivamente e para outros tratarán de buscar datas para celebralos unha vez rematen os 7 días de loito oficial.

Exit mobile version