Site icon Crónica3.com A Mariña

Sporting de Gijón e CD Lugo enfróntanse este sábado no torneo Emma Cuervo

Ribadeo, 24 de xullo de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, e o presidente do Ribadeo FC, Víctor López, prevén unha grande afluencia de público no torneo futbolístico Emma Cuervo, que disputarán o Real Sporting de Gijón e o Club Deportivo Lugo este sábado, día 27 de xullo, a partir das sete e media da tarde no campo municipal Pepe Barrera. O evento presentouse hoxe na Casa do Concello. As entradas véndense anticipadamente en tres establecementos de hostalería ribadenses ata o venres e o día do partido poderán mercarse nas taquillas do estadio pola mañá e a partir das cinco e media da tarde.

O rexedor municipal destacou que o Emma Cuervo “é o vicedecano dos trofeos estivais a nivel estatal e, dende logo, contamos con dous equipos que pensamos que van traer moito público a Ribadeo. Normalmente cando hai as rivalidades galego asturianas aquí conflúe moita xente e cremos que precisamente o Sporting de Gijón e o Club Deportivo Lugo traerán as afeccións das dúas partes, de Galicia e de Asturias. Trátase de facer da tarde deste 27 de xullo un día para ter un reclamo para vir a Ribadeo. De feito creo que a directiva, dunha maneira acertada, pon uns prezos populares para as entradas, que son 15 euros, e os nenos de ata 13 anos pagan cinco euros, para facelo alcanzable para todos os petos”.

Fernando Suárez tamén comentou que se fai “un novo Emma Cuervo cunha nova directiva do Ribadeo FC” e tamén lembrou que “neste ano 2013 hai moitos eventos: por unha banda, é o primeiro centenario, como dicía o anterior presidente do Ribadeo FC, e poucos clubs hai que chegaran aos cen anos. Estivemos nestes tempos planificando unha serie de actos, incluso un pleno extraordinario para outorgarlle a medalla de ouro do Concello ao Ribadeo FC, que é toda unha institución”.

Víctor López agradeceu “a colaboración do Concello neste evento e nos que se van disputar con motivo do centenario do Ribadeo FC. Tamén quero agradecer, loxicamente, a todos os compañeiros da directiva do Ribadeo FC, á directiva da Sociedade Deportiva Ribadeo, a todos os que nos axudan e, por suposto, ós dous equipos que van a participar nesta 62 edición do Trofeo Emma Cuervo, que son o Sporting de Gijón e o Club Deportivo Lugo. Sen todos eles sería totalmente imposible facer este acto”.

O presidente do Ribadeo FC explicou que “temos a venda anticipada de entradas no bar Ribeira, no bar Queimada e na Cervecería San Roque, de Ribadeo, ata o venres pola tarde. E despois, xa o día do partido, que é o próximo sábado, abriremos as taquillas do campo pola mañá e despois dúas horas antes do partido”.
López tamén comentou que “a nivel deportivo é un partido moi interesante: o Real Sporting de Gijón defende o título, porque o ano pasado adxudicábase o trofeo ó gañar ó Deportivo da Coruña, e é un equipo que quere volver á Primeira División, para o que está facendo grandes fichaxes, como pode ser Isma López, que ven do Athletic de Bilbao; e o Club Deportivo Lugo é un equipo que se vai asentar na Segunda División, a tempada pasada fixo unha gran campaña co presuposto máis pequeno de todos os equipos da categoría. É un partido de gran rivalidade, por suposto sa, entre un equipo galego e un asturiano, e eu espero toda esa xente amante do fútbol estea en Ribadeo para vivir unha xornada deportiva e de ledicia”.
Na presentación oficial do 62º trofeo Emma Cuervo estivo tamén o director deportivo do Ribadeo FC e membro do comité organizador do evento, Germán Vale.

Exit mobile version