Despois da visita de onte de Iago Míguez e Claudia, durante a xornada de hoxe, o alumnado alternou as sesións de adestramentos, nas que tamén participaron as laranxas Lara e Paula, con xogos na praia e obradoiros de globoflexia e papiroflexia. Pola tarde, tras a recepción oficial no consistorio, o salón de plenos acolleu unha mesa redonda na que os nenos/as puideron coñecer máis de preto a traxectoria, experiencia e sabedoría dos convidados. Os pequenos/as interesáronse polos proxectos do Inter e do Burela FS en Primeira LNFS cara a 2013-14, polas tarefas do cargo de director deportivo de Lorente e pola forma de traballo da base do conxunto madrileño, así como tamén polas metas e expectativas das campioas laranxas, ademais de recibir consellos dos tres profesionais sobre como gozar ao máximo do fútbol sala, sen deixar nunca de coidar a formación académica.
Unha dobre sesión, en Vista Alegre e Monte Castelo, pechou o día.
Fin de semana cos mellores
O campus burelista concentrará a maioría do profesorado durante a fin de semana. O sábado pola mañá os adestramentos estarán dirixidos polo técnico laranxa de Primeira RFEF, Quico Otero, e por Juanma. Tras o xantar na praia da Marosa, o alumnado volverá ao traballo coa incorporación do seleccionador galego, Manuel Castillo, o técnico burelista Juanlu e Christian.
O adestrador , David Madrid, Juanlu, Javier Lorente e o gardameta Edu serán os invitados da xornada dominical. Despois da preparación en pista e dun taller de masaxes, o Vista Alegre será o escenario do Torneo Campus 2013. O acto de clausura e entrega de diplomas están previstos para as 19.00 horas.
O clínic conta co patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Concello de Burela e Fundación Imdecum, ademais da colaboración do Concello de Cervo, IES Monte Castelo e CEIP Vista Alegre. A Mariña-El Progreso é o xornal oficial da cita.