Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Riotorto presentará unha moción contra as políticas do PP que desmantelan os servizos públicos do rural e centralizan a súa prestación nas capitais de provincia

Riotorto, 31 de xullo de 2013. O Grupo de Goberno de Riotorto levará ao vindeiro pleno unha moción na que manifestará o seu rexeitamento ás reformas que está levando a cabo o Partido Popular desde a Xunta de Galiza e o Executivo central e que afortalan ás provincias e condenan a moitos concellos lucenses a deixar de prestar servizos aos seus veciños e veciñas e mesmo a súa desaparición. Así o anuncio o alcalde, Federico Gutiérrez Estoa, quen acusou aos populares de estar empregando esta táctica de recentralización dos servizos públicos para provocar a perda de calidade dos mesmos e, nun futuro próximo, xustificar a súa privatización.

O Goberno municipal recorda que “a finalidade última do Partido Popular é retornar ao Estado unitario no que as provincias eran o piar fundamental” e insiste en que “este proceso se iniciou coa aprobación da Área Sanitaria de Xestión Integrada de ámbito provincial, continuou co baleirado de competencias da delegación de Facenda en Foz, co avance da proposta de reforma da Lei de Planta coa que se tenta fechar todos os xulgados da provincia salvo os de Lugo e co anuncio da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que establece a eliminación dos xulgados de Paz e dos rexistros civís, así como coa recén aprobada reforma da lexislación de réxime local que condena a moitos concellos a deixar de prestar servizos ao pobo e a súa desaparición.”

Para Estoa, “con estas medidas, ás que hai que engadir outras como a supresión de paradas de tren en múltiples concellos, dificultando a comunicación e a actividade económica, social e lúdica e a eliminación de traballadores en servizos básicos como a sanidade, o Partido Popular pretende situarnos trinta anos atrás, que viaxemos no pasado e que para acudir a unha consulta médica ou facer calquera xestión, os veciños e veciñas teñan que desprazarse a Lugo. Estamos ante reformas que responden a unha evidente estratexia de desmantelamento dos servizos públicos, en especial, nos concellos con menos de 20.000 habitantes.”

“Como representantes públicos –continuou o rexedor municipal- estamos obrigados a defender os dereitos e intereses dos cidadáns dos nosos concellos e por iso, pedimos o apoio de todos os grupos con representación no Concello para aprobar esta moción na que reivindicamos o mantemento da prestación de servizos públicos nas comarcas e concellos para frear o abandono de moitos núcleos rurais.”

A través desta moción, o Goberno local demandará á consellería de Sanidade o restablecemento da Área de Xestión Integrada da Mariña, ao ministerio de Facenda a recuperación das competencias da delegación da Axencia Tributaria de Foz, ao ministerio de Fomento a reposición de todos os servizos ferroviarios, e solicitará ás consellerías correspondentes a reposición dos veterinarios e médicos de atención primaria, así como a reapertura de escolas rurais.

Estoa concluíu enfatizando a importancia de “esixir ás administracións que cando transfiran algunha competencia aos concellos ou procuren que estes as presten, se acompañe do importe total do seu custe. É preciso establecer un novo marco legal de financiamento que permita aos concellos prestar, axietadamente, todos os servizos aos seus veciños e veciñas.”

Exit mobile version