Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Socialista de Foz presenta unha moción instando á Xunta a que manteña todo o persoal e servizos das Escolas Infantís do Concello e se comprometa a recuperar a Escola Unitaria de Vilaronte para dar solución a insuficiencia de prazas

En vista de que recentemente tivemos coñecemento de que a Xunta de Galicia ten previsto reducir persoal nas Escolas Infantís do noso concello, trasladando empregados á Gardería que se pretende poñer en funcionamento no veciño concello de Alfoz, o que supón un paso máis no desmantelamento dos servizos públicos que se está a levar a cabo de man dos gobernos do Partido Popular, e, tendo en conta que, neste caso se trata dun servizo social básico, fundamental para que moitas familias focenses sexan capaces de conciliar a súa vida familiar e laboral, dende o Grupo Socialista de Foz presentamos unha moción coa finalidade de instar á Xunta ao mantemento de todo o persoal e servizos cos que contan na actualidade as Escolas Infantís do noso concello, pois xa que o Equipo de Goberno Local non é capaz de mellorar os servizos públicos de Foz, a pesar de que tanto a Administración autonómica como a estatal son da súa mesma cor política, polo menos que traballen por garantir o mantemento dos existentes a día de hoxe.

Así mesmo, tendo en conta o grave problema de insuficiencia de prazas para nenos e nenas nas Escolas Infantís do noso concello, que deu lugar a que nos últimos anos moitos quedaran en lista de espera e sen praza, batindo Foz este ano de novo o récord da Mariña, e en vista de que a única solución que foi capaz de propoñer o alcalde foi enviar aos nenos e nenas de Foz á Gardería que se prevé abrir en Alfoz, co cal non estamos dacordo para nada, dende o Grupo Municipal Socialista focense pretendemos que se teña en conta a solución, que xa propuxemos en varias ocasións a dito problema de insuficiencia de prazas nas Escolas Infantís do noso Concello, consistente en instar á Xunta a recuperar a Escola Unitaria de Vilaronte e aproveitar as súas instalacións para crear outra Gardería para os nenos e nenas de Foz.

Exit mobile version