Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mago Antón actúa en Barreiros da man do Colectivo Cultural Ollomao

Barreiros, 29 de xullo de 2013. O Colectivo Cultural Ollomao trae a Barreiros o espectáculo do Mago Antón na tarde – noite deste luns. A actuación do famoso mago galego terá lugar ás 21 horas no Centro Sociocultural de San Cosme e leva por título “Onde está o Mago Antón?”.

O espectáculo vense celebrando ao longo de toda a provincia de Lugo, ao abeiro dun proxecto da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e está dirixido a todos os públicos de todas as idades, desenvolvéndose en diferentes espazos: cafeterías, restaurantes, colexios, librerías, pubs, centros comerciais, hospitais, empresas, hoteis, etc…

No seu espectáculo o Mago Antón contará con máis de douscentos efectos: un peixe chamado Cousteau, o xogo da rá, fruteiro, punto de encontro, Galiza sempre, baralla conxelada, a dada de tute, o xogo da moa, carta no teito, o xogo da bolsa e o ovo etc…

Durante a tarde deste domingo e na mañá deste luns, o Mago Antón xa estivo de visita polo concello barreirense facendo microactuacións en diversos espazos públicos con dúas finalidades: a primeira e levar a maxia a espazos e a públicos onde a maxia non ten ningunha presenza. E a segunda ten como finalidade mobilizar a eses públicos para convidalos a asistir ao espectáculo final que terá lugar hoxe ás 21 horas no Centro Sociocultural de San Cosme.

Desde o Colectivo Cultural Ollomao convidan a pequenos e maiores a disfrutar deste grande espectáculo e dunha tarde-noite chea de maxia.

Exit mobile version