Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno do Concello de Burela aprobou por unanimidade solicitarlle á Xunta a desafectación das vivendas desocupadas no CEIP Virxe do Carme

Burela, 24 de xullo de 2013. No pleno ordinario celebrado o martes 23 de xullo en Burela foi aprobado por unanimidade solicitarlle á Xunta a desafectación das vivendas desocupadas no CEIP Virxe do Carme co obxectivo de destinalas a locais para asociacións e para emerxencia social. A unidade de actuación de Torrentes e a conta xeral de 2012 foron outros dos asuntos que se abordaron na sesión plenaria.

O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, relatou que “no pleno ordinario que onte celebramos aquí no Concello de Burela aprobouse por unanimidade a proposta feita pola alcaldía para solicitar a desafectación das vivendas que están desocupadas no CEIP Virxe do Carme. Tal e como se dixo durante a sesión plenaria as vivendas que se desafecten van ser destinadas para uso por parte dos distintos colectivos culturais, deportivos, etc, que agora mesmo non conten con locais para poder desenvolver as súas actividades e tamén para casos de emerxencia social”. O rexedor dixo que “evidentemente esta desafectación non se vai producir de forma inmediata e tampouco se vai producir de forma inmediata a adecuación das vivendas para os fines que nos queremos, pero de tódolos xeitos é un procedemento que vota a andar e eu espero confío que se resolva en breve”.

Na sesión plenaria tamén foi aprobada a certificación número 19 e última da unidade de actuación de Torrentes, en concreto, das obras de urbanización da unidade de actuación. González Barcia sinalou que “esta certificación de obras ten un importe 30.900 euros e deste xeito o que posibilitamos é poñer en marcha o mecanismo para que dunha vez por todas se poida recepcionar a unidade de actuación, abrir as rúas para uso e goce de todos os cidadáns, pero fundamentalmente abrir as rúas e posibilitar que os propietarios poidan ter acceso ás súas fincas e que fagan con elas o que estimen máis conveniente. A partires de aí os pasos que hai que dar teñen tamén unha certa complexidade e eu, tal como dixen no pleno, entendo que con este paso o que se inicia é o proceso final da unidade de actuación, pero aínda queda camiño por andar”.

Noutro orde de cousas, foi aprobada a conta xeral do exercicio do ano 2012 cos votos a favor do partido popular. “Resulta ata certo punto chocante que os grupos da oposición non apoiasen a conta xeral cando resulta que aparece un remanente de tesouraría importante”, manifestou o alcalde burelés.

Moción sobre o hospital
Varias foron as mocións que se debateron no pleno ordinario celebrado onte. Para José Mª González Barcia “o que está claro é que dentro do grupo socialista se traballo moi pouco, por non dicir nada. O que non pode facer un grupo político que conta con cinco concelleiros dos que un está cobrando anualmente 51.000 euros da Deputación, que presenten mocións xustamente o día antes do pleno iso é algo completamente inadmisible máis aínda tendo en conta que falan de asuntos dos que xa se ven falando dende hai tempo”. O rexedor declarou que “eu non sei a santo de qué ven agora volver a falar da area sanitaria da Mariña como, segundo din eles, para que recupere a súa soberanía. Isto é un auténtico perogrullo. Eu o que lles dixen claramente é que nós non estamos dispostos a seguir aceptando a partires de agora absolutamente ningunha moción que se presente por esta fórmula, é dicir, un día antes do pleno, de asuntos que non sexan urxentes. Se os asuntos son evidentemente urxentes, entón nosoutros procederiamos a aceptar esas mocións, a aceptar o seu debate, pero claro é que neste caso, mire vostede, se ven falando da situación do hospital dende hai 3, 4 ou 5 meses. E resulta que para o grupo socialista en Burela a urxencia preséntase agora. Evidentemente nosoutros votamos en contra desa moción porque que eu que eu saiba non hai ningún letreiro posto no hospital que diga se vende, absolutamente ningún. Que eu saiba non falta absolutamente nada do hospital que fose trasladado a Lugo, que eu saiba non se ten pedido ningún servizo do hospital que fose trasladado a Lugo. E o PSOE erre que erre intentando confundir á xente e iso e o que nosoutros non vamos a consentir”.

O equipo de goberno presentou unha enmenda de substitución pedíndolle á Xunta que continúe a traballar coa maior celeridade posible para levar adiante a ampliación do Hospital da Costa e para que se manteñan e se melloren os servizos que alí se prestan. Desde o PSOE votaron en contra desta proposta dos populares, “algo que os veciños e as veciñas de Burela deben saber”.

Sobre a moción solicitando a creación dun banco de libros de texto, o alcalde subliñou que “seguiremos a colaborar coas APAS dos centros de ensino, tal e como vimos facendo ata o de agora. Estamos a custear as coidadoras dos dous comedores, financiamos e organizamos unha parte importante das actividades que se desenvolven para os nenos e nenas polas tarde, algo que fan poucos Concellos da zona. Manteremos esta colaboración sempre que poidamos, porque así o fixemos xa na nosa etapa anterior no Concello de Burela”.

Igrexa da Vila do Medio
José Mª González Barcia tamén se referiu á proposta realizada por Buril sobre a declaración de Ben de Interese Cultural para a igrexa da Vila do Medio e as súas pinturas, “nosoutros o que dixemos é que ese asunto non se ía tratar en principio no pleno por unha sinxela razón: en xaneiro do ano 2006 o grupo popular, naquel momento no goberno, presentou unha moción para instar á Xunta precisamente a que se declararan Ben de Interese Cultural as pinturas da Igrexa da Vila do Medio. Ben, pois ese expediente se iniciou, ese expediente se tramitou e eu o que considero, e así llelo fixen saber tamén ós responsables de Buril nunha conversación que tiven con eles antonte, é que non nos parece procedente reiterar unha petición cando non sabemos en que fase está o procedemento”.

O alcalde de Burela indicou que “no momento en que se saiba en que fase está o procedemento é cando teremos que tomar a decisión de reiterar a petición ou non pero, en todo caso, volver aprobar o que xa está aprobado non deixa de ser un auténtico perogrullo. E nese sentido, eu o que me brindei a Buril é a ter unha reunión con eles para a próxima semana para ensinarlles a documentación que nós temos, que nós conseguimos e que evidentemente, demostra que o procedemento está andando. Se vemos que ese procedemento non leva o ritmo adecuado, entonces é cando deberíamos de adoptar unha decisión de volver a levar o asunto a pleno para instar a quen competa a que acelere esa cuestión”.

Renuncia de Neves Cando
No pleno deste martes presentou a súa renuncia coma concelleira a nacionalista Neves Cando. Desde o equipo de goberno “recoñecemos o traballo desenvolvido ao longo dos anos que estivo no Concello e desexámoslle sorte para o futuro”.

Exit mobile version