Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro congratúlase da recente inauguración da variante de Ortigueira e lamenta a relegación de Viveiro

O PP de Viveiro manifesta que “fai uns días vimos nos distintos medios de comunicación a inauguración e posta en funcionamento da Variante de Ortigueira, primeiro tramo en servizo da Vía de San Cibrao – Ferrol, o que supón un importante beneficio, non so para a Comarca de Ortegal, senón para todos aqueles que usan ou usamos esa vía de comunicación”.

Así, cren conveniente recordar, “sobre todo a quenes piden infraestruturas e logo se manifestan e boicotean as mesmas, que a principios de 2003, o hoxe Presidente da Xunta, Sr. Núñez Feijoo e nese momento Conselleiro de Ordenación do Territorio anunciaba o compromiso da súa Consellería de iniciar os trámites para a construción da Variante de Viveiro, por un importe de 42 M€, unha inversión aproximada á realizada en Ortigueira (48 M€) que en principio estaba prevista para Viveiro, previsión que a pesar de estar apoiada por unanimidade pola Corporación Municipal, viuse truncada co cambio de goberno”.

“Unha vez máis, Viveiro quedou relegada, pola falta de miras e a cegueira política dos equipos de goberno socialistas. Esta actitude, que é unha constante na actividade municipal, fixeron que Viveiro, pasase do número un en inversión, en crecemento sostible e na mellora do benestar, non so da Mariña senón de toda a provincia, pasase ó vagón de cola do desenvolvemento mariñán”, segundo apunta César Aja.

Así mesmo, critica que, “desde que o Sr. Roel ostenta a alcaldía, Viveiro vene perdendo cada vez máis servizos e durante este período careceu totalmente de inversións en infraestruturas que melloren a calidade de vida dos nosos veciños. Os constantes enfrontamentos con todas as administracións, o desorbitado gasto en interminables pugnas xudiciais, a falta de interese en superar os desafíos que se presentan, as periódicas provocacións ás parroquias, fan que Viveiro ocupe titulares nos medios, máis por motivos anecdóticos e xudiciais que polo que verdaderamente preocupa ós seus cidadáns, entre outros, o emprego e as infraestruturas”.

O PP de Viveiro “sempre tivo unha visión e unha postura moi clara nesta materia, defendendo, aínda a costa de recibir descalificacións e severas críticas por partes interesadas, o interese xeral, non condicionando este interese a oportunismos electorais ou doutro tipo aínda que iso o prexudicara. Desgraciadamente o tempo dano a razón, hoxe unha comarca amiga e veciña goza dunha infraestrutura que en principio estaba programada para Viveiro, pero que o Sr. Roel e os seus apoios preferiron perder en aras a non se sabe que intereses, desde logo os dos veciños non, que non poder gozar da mesma”.

Exit mobile version