Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro presenta varios rogos ante a corporación municipal instando á subsanación de deficiencias

Celestino García Paz, en representación do Grupo Municipal Popular de Viveiro, realiza ao Alcalde da Corporación os seguintes rogos, ao obxecto de que se subsanen as deficiencias sinaladas coa maior prontitude posible:

1.- En Escourido, na parroquia de Covas, no lugar da Laxe, fronte á vivenda nº 6 , fai uns meses un poste de madeira cun punto de luz de alumeado público rompeuse debido ao mal estado en que se encontraba. Persoal do Concello recolleron o punto de luz e o cable; pero, a día de hoxe e transcorrido bastante tempo, non se volveu repoñer. Por iso, unha parte do burgo se encontra sen luz, o que engadido ao mal estado da vía de acceso fai que os moradores da zona soliciten a reposición da luz pública e a reparación do acceso. Por este motivo rogamos ao equipo de goberno que proceda a dar solución ás demandas veciñais do burgo de Laxe en Escourido.

2.- Un dos postes de alumeado público de aceiro inoxidable, entre o paso de cebra fronte a casa de Portos de Galicia, no porto de Viveiro, e a entrada á ponte en dirección a Covas en Viveiro encóntrase sen tapa de acceso ás conexións, o que supón un grave perigo sobre todo para os nenos, pois poden manipular dita zona con corrente eléctrica, polo que rogamos se proceda á súa subsanación.

3.- Na ponte da Misericordia, na beirarrúa dereita en dirección a Covas, existen tapas de arquetas, supoñemos que de Telefónica, que están por debaixo do nivel da beirarrúa, o cal provocou varias caídas de viandantes, por iso solicitamos ao goberno municipal que tome as medidas para a súa corrección.

4.- No parque de A Parrela, ao lado de Parquemar 1 en Cantarrana – Covas hai dúas reixas de peche da pista deportiva multiusos, unha das cales está solta e outra suxeita soamente por un lateral, por iso ao ser un parque público constitúe un verdadeiro perigo sobre todo polos nenos. Por este motivo informamos ao goberno municipal da súa necesaria reparación.

5.- En diversas zonas da parroquia de Covas como Pereira, Lapido, Alvarelle, etc. encóntranse as vías de acceso bastante deterioradas, con moitas fochancas, desconchados, pedra solta, etc. debido á nula conservación das mesmas; polo que solicitamos ao equipo de goberno a súa reparación.

6.- En varias ocasións, veciños que utilizan o parque infantil situado na praza da rúa Jacinto Calvo, manifestaron a necesidade de que se instalen máis bancos para poder sentarse os pais ou avós que acompañan aos nenos que alí xogan. Sinalar que na actualidade so hai 2. Este parque infantil utilízano moitos nenos e nenas e o certo é que os adultos teñen que sentarse no chan ou nas escaleiras que soben cara os garaxes do edificio Vilareal. Por este motivo solicitamos que se coloquen máis bancos nese punto para poder subsanar estas incomodidades.

Exit mobile version