Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP do Valadouro obrigado a afrontar as costas do proceso por solicitar a suspensión do pleno no que Maseda tomaba posesión

O Partido Popular foi obrigado polo Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo a pagar as costas do proceso xudicial no que solicitou como medida cautelar que non se celebrase o Pleno de toma de posesión do novo Alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda. Deste xeito, e segundo o auto que deu a coñecer este venres o Goberno municipal, o xuíz dálle a razón ó Executivo local ó determinar que non houbo ningún motivo xustificado para suspender a convocatoria da sesión plenaria, celebrada o pasado 6 de xuño, e que a petición dos populares estaba “totalmente fóra de lugar”, detectando graves defectos no procedemento que formularon. O xulgado imponlles ademais as costas do proceso, que será duns 700 euros.

O rexedor cualificou de “sorprendente” que o PP faga público “con semellante despregue de medios o seu primeiro fracaso ” nun proceso xudicial, que agora continúa coa admisión a trámite da demanda, “un trámite formal habitual nun procedemento deste tipo”. Esta “nova fuxida cara adiante” dos populares, “que cambian continuamente de estratexia”, non vén máis que a demostrar “a súa desesperación por agarrarse ó sillón da Alcaldía a toda costa, sen pensar en ningún momento nos intereses, o benestar e o futuro dos veciños do Valadouro, e negándose a aceptar un proceso totalmente democrático que, por certo, eles mesmos provocaron o formular unha moción de confianza”, asegurou o Alcalde, para quen “o verdadeiro tribunal son as urnas, e en dous anos haberá o xuízo que ditará a única sentencia inapelable”. “Sorprende tamén”, engadiu Maseda, “a implicación da que agora presume o señor Balseiro, que nunca se preocupou polo Valadouro, e que deixou no seu día tirado a Lamela”.

Neste senso, o Alcalde animou ó grupo do PP valadourense a “deixarse xa de pataletas e traballar polo Valadouro, que é o que realmente lle importa ós veciños: contar cuns representantes políticos que atendan as súas necesidades e inquietudes, e que se esforcen porque o pobo teña futuro”. Maseda destacou que o novo goberno municipal leva dedicándose a isto “dende o primeiro segundo”.

Medidas de calado en só un mes

De feito, tal e como subliñou o rexedor, en tan só un mes o Goberno local foi quen de adoptar medidas de gran galado, como a aprobación dos Orzamentos municipais, algo do que o PP non foi capaz dende o 2009; o aforro de case un 50% nos soldos do executivo municipal; a liquidación da débeda financeira; a creación dun banco de libros para os colexios; duplicaron as partidas de emerxencia social e a dispuxeron novos investimentos para o acondicionamento das vías, e todo isto “cuns orzamentos de urxencia e trámite, que non son os que realmente nos gustarían, pois non podemos plantexar un proxecto dende cero ata o vindeiro ano”.

Exit mobile version