José Manuel Lamela Piñeiro, concelleiro e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Valadouro, solicita que se adopten as medidas oportunas para a retirada inmediata da terraza que o establecemento hostaleiro de María José Fernández, tenente de alcalde do Concello, ten instalada na rúa “sen a oportuna licenza”, por incumprir os requisitos para a súa autorización. Polo tanto, solicita incoar o expediente administrativo sancionador e de reposición da legalidade que estime oportuno de conformidade coa lexislación vixente nun escrito que os populares teñen previsto rexistrar a primeira hora do martes 16 de xullo.
O Grupo Municipal do Partido Popular do Valadouro ten constancia da instalación da devandita terraza e consideran que “esta circunstancia é aínda máis grave tendo en conta que esta persoa ademais dun cargo público local ostenta a Primeira Tenencia de alcalde, responsabilidade pola que debería dar exemplo ante os veciños, de cumprimento escrupuloso da normativa vixente”.
A devandita terraza, ademais de carecer de licenza incumpre os requisitos establecidos na ordenanza municipal vixente para ser autorizada, feito que é público e notorio cunha simple inspección visual da mesma.
Os populares advirten que o artigo 16 da devandita ordenanza sinala que “corresponde ós Servizos Técnicos Municipais velar polo cumprimento da presente ordenanza, desenvolvendo, a tal efecto, as labores de inspección e control que resulten pertinentes”. Ademais establece que “as instalacións suxeitas a esta ordenanza que se implanten sobre terreos de dominio público municipal sen a preceptiva licenza deberán ser retiradas de modo inmediato sen prexuízo da instrución do correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística”.
Así, dende o Grupo Municipal do PP afirman que “estes feitos consolidan ademais unha posible situación fraudulenta xa que se estaría a facer unha ocupación irregular dun espazo público, sen a autorización oportuna e sen a posibilidade de liquidar as taxas correspondentes, xa que a instalación incumpre os requisitos oportunos”.
Os populares recordan, pois, que “segundo a ordenanza estes feitos (artigo 17: A instalación de terrazas sen autorización) serían constitutivos dunha infracción cualificada como MOI GRAVE, para a que se contempla unha multa (artigo 18) de 450,01 euros ata 1.000,00 euros. Corresponde, ademais, a incoación do expediente sancionador (artigo 18) ao Alcalde-Presidente”.