Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pedirá no Pleno provincial que Estua ou o BNG reintegren os salarios indebidamente percibidos polo asesor nacionalista

Lugo, 29 de xullo de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular leva ao debate do pleno da Deputación deste martes 30 de xullo unha moción na que lle esixen a Xoán Antón Estúa García ou ao BNG o reintegro dos salarios percibidos polo traballador, xa que formalmente prestaba os seus servizos nunha área de goberno da administración provincial, cando, en realidade, o facía para o seu partido.

Os populares levan esta iniciativa a pleno tras constatar que a través dunha corrección de erros a Deputación recoñeceu que o citado traballador adscrito a unha área de goberno –Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico-, desempeñaba funcións de índole partidista, na sede local do BNG de Foz.

Dende o Grupo Popular xa fixeron público no seu momento o decreto aprobado pola Presidencia da Deputación e asinado con data 17 de xuño de 2013, polo que o Goberno bipartito corrixe o nomeamento de Xoán Antón Estua como persoal eventual adscrito a unha área de Goberno Provincial e decidiu agora adscribilo ao Grupo Provincial do BNG.

Depurar responsabilidades políticas
Os populares insisten en que estes feitos evidencian unha situación irregular deste empregado público eventual e que esta situación constitúe unha fraude aos lucenses que cos seus impostos observaban como o bipartito provincial liberaba a unha persoa da súa confianza para tarefas exclusivamente partidistas. Din ademais que esta circunstancia é un feito público e notorio e que negalo, supón un insulto á intelixencia dos lucenses.

Ante este feito, os populares tamén instarán en pleno ao goberno provincial e, en particular, aos responsables políticos das áreas de Presidencia e Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico a que asuman as responsabilidade políticas oportunas pola falta de dilixencia na que teñen incorrido durante este anos, ante unha situación irregular que eles mesmos recoñecen, ordenando unha corrección de erros extemporánea.

Exit mobile version