Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama ó alcalde de Ribadeo que limpe e impida o acceso ás antigas vivendas dos profesores na rúa Francisco Lanza

Ribadeo, 30 de xullo de 2013. O Partido Popular de Ribadeo reclama ao goberno municipal do BNG que limpe e actúe para impedir o acceso ás antigas vivendas dos profesores, na rúa Francisco Lanza. Ese lugar atópase nun estado lamentable, como denuncia publicamente o presidente local do PP, Jesús López Penabad, que transmite as queixas de veciños desa zona.

“Desde o PP de Ribadeo volvemos denunciar, por terceira vez e a ver se vai a vencida, o estado lamentable no que se encontran as antigas vivendas dos profesores do instituto. Todos sabemos que alí se pretende facer a residencia da terceira idade e que aqueles edificios van ser demolidos non sabemos cando. Pero a realidade é que a día de hoxe, segundo denuncian os propios veciños da zona e calquera que pase por alí pode velo, aquilo é unha auténtica selva, na que a maleza incluso pasa por enriba do peche que rodeas as vivendas. E a beirarrúa atópase nun estado bastante lamentable tamén”, explicou López Penabad.

O presidente local dos populares explica que “ó ser xa a terceira vez o que lle demandamos agora ó alcalde e ó equipo de goberno é que tome cartas no asunto canto antes. Hai que desbrozar aquilo e ademais a situación das vivendas tamén é lamentable. No seu momento, cando fixéramos as anteriores denuncias sobre este asunto, pasaron por alí axentes da Policía Municipal e puxeron unha cinta nas entradas, pero evidentemente a xente que vai alí e a que pode acceder a ese lugar, como rapaces e nenos, corre un serio perigo porque os edificios están sen ventás e non sabemos o que haberá no interior. Alí entran todos os queren, o que é un perigo”.

Diante desta situación o PP solicita que “pechen aquilo dalgunha maneira eficaz para que non se poida acceder ó interior e así evitar riscos e as preocupacións dos veciños daquela rúa, que están cansos de dicírnolo. Incluso a xente da zona non quere aparcar alí os seus coches, porque ten medo ó que hai nese lugar. Aparte, como é unha selva, aparecen animais como serpes, ratas e outra fauna propia de terreos que se atopan nesa situación”.

Jesús López Penabad remata explicando que “é necesario que o Concello actúe aí, porque é unha propiedade municipal e ten o deber de facelo. Aos particulares estanlles demandando que limpen os seus terreos e polo tanto o Concello debería facer o mesmo nesa finca, que está nunha zona escolar rodeada de vivendas unifamiliares”.

Exit mobile version