Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP úrxelle a Orlando González que planifique os traballos de desbroce na localidade xa que dispón dos medios necesarios para facelo

Mondoñedo, 22 de xullo de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo úrxelle ao alcalde da localidade, Orlando González, que planifique de maneira inmediata os traballos de desbroce nas vías municipais, que presentan un estado lamentable con alto risco de incendios e converténdose en focos de inseguridade.

A portavoz do PP de Mondoñedo, Elena Candia, explica que o seu grupo acaba de ter coñecemento de que a Xunta de Galicia colaborará co Concello de Mondoñedo no financiamento dunha brigada para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais.

Este novo compromiso da Consellería do Medio Rural garantiza que a administración local teña medios necesarios para levar a cabo as labores de desbroce, ao que engade a popular que o Concello, a maiores, dispón dun tractor que “descoñecemos o uso que se lle está a dar” dado o mal estado que presentan as pistas municipais.

O turismo tamén se ve afectado
A situación intransitable e imposible que presentan moitas das vías locais estalle a afectar moi negativamente a localidade e non só dende o ámbito preventivo de incendios, senón que tamén repercute de forma negativa no turismo local. Candia explica que a pasada fin de semana un grupo de 50 persoas non puido levar a cabo a Ruta da Auga da localidade, dado o mal estado que presenta.

Ante esta situación, o Grupo Popular de Mondoñedo no próximo pleno pediralle ao bipartito local que adecúe de xeito urxente á Ruta da Auga. Candia asegura que esta situación amosa a incoherencia de Orlando González que se amosa defensor do turismo, porén non “é quen de manter en bo estado os recursos dos que dispón o municipio”.

A Xunta, administración colaboradora con Mondoñedo
Por último, o PP de Mondoñedo agradece unha vez máis a colaboración da Xunta de Galicia co Concello e espera que o goberno local sexa quen de aproveitar este investimento o mellor posible, cumprindo así o compromiso que se lle asume ao concello no convenio de colaboración para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais mediante a actuación de brigadas de prevención e defensa e que compromete ao Concello a dispor, en todo momento, de brigadas efectivas.

Exit mobile version