Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG asegura que as praias de Barreiros “non teñen o prestixio que merecen pola incompetencia do alcalde”

A secretaria xeral do PSdeG no Concello de Barreiros, Carmen Veiga, lamentou este luns que as praias da localidade “non teñan o prestixio, nin sexan un referente de calidade indiscutible, tal e como se merecen, por culpa da incompetencia do alcalde”. A socialista asegurou que “unha das mellores mostras desa falta de xestión” é a perda das Bandeiras Azuis das praias de Arealonga, A Pasada e San Bartolo, debido a un vertido e insuficiencia de socorristas, “sen esquecer que o Concello xa non conseguiu esta tempada a distinción para o areal de Coto”. É dicir, explicou Veiga, “nun ano perdeu 4 das 8 Bandeiras Azuis que tiña a nosa costa, algo que dana seriamente a súa imaxe e, en consecuencia, ó turismo, un sector vital para a economía do municipio”.

Ademais da “inoperancia” demostrada para manter estes recoñecementos concedidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), a secretaria xeral do PSdeG de Barreiros critica que o alcalde, Alfonso Fuente Parga, decidise rexeitar a iniciativa da Deputación de Lugo para dotar da certificación de calidade ISO 14001 e EMAS ós areais da localidade, “cando a súa implantación ten un custe cero para o Concello, pois o organismo provincial fai todo o investimento, e cando se trata dun recoñecemento que reportaría un enorme valor engadido para as nosas praias, pois trátase do certificado de calidade de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental, concedido segundo parámetros da Unión Europea”.

Veiga recalcou que a distinción implantada pola Deputación vai máis alá da Bandeira Azul, pois mentres esta última é unha fotografía da praia que se dá nun determinado momento, a ISO 14001 garante unha excelente calidade medioambiental e de servizos, ademais dunha mellora continua dos areais. Tamén supón un valor engadido con respecto á Q de Calidade Turística, pois non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás leis medioambientais dos expertos da Unión Europea. De aí que garanta unha correcta xestión medioambiental, minimizando o impacto nas praias e, o que é máis importante, nos veciños.

Deficiencias que irán a Pleno
Preocupados pola “moi deficiente” situación das praias cando “estamos no ecuador do verán”, os socialistas barreirenses presentarán no vindeiro Pleno municipal, previsto para o 5 de agosto, unha batería de preguntas para coñecer como e cando arranxará o alcalde ditas anomalías. Neste senso, o PSdeG, a través do concelleiro barreirense Benito Longarela, denuncia “as malas condicións” dos accesos dos areais de Anguieira, Acantilado e Altar, “cubertos de area e maleza, o que fai practicamente imposible o paso”. No caso de Anguieira, tamén advirte do “perigo que supoñen as deficientes suxeicións das duchas”, e pide que se regule o tráfico “para evitar os atascos que actualmente se producen nas horas punta para entrar á praia”.

Exit mobile version