Burgo esixiu ademais que a Xunta aclare “a folla de ruta cos obxectivos reais e o que queren facer co mapa de centros da provincia”, despois das continuas e recentes decisións “tomadas sen consenso, desde un despacho e comunicadas por teléfono unha vez rematado o curso”, como vén de suceder en Ribeira de Piquín ou Paradela e tras decretos como o da supresión do IES As Mercedes de Lugo.
A deputada autonómica lamentou asimesmo o decreto de becas de Wert, “respaldado por todo o PP e que conseguiu o hito histórico de poñer a todo o mundo de acordo en contra”, e lembroulle aos populares que “normalmente cando vas por unha autopista e todos van en dirección contraria é que estás equivocado”, ao que Carlos Ferreiro engadiu que “o único que leva o PP no asento de atrás e a Conferencia Episcopal, que lle anima a que siga adiante”. Os socialistas lembraron que o PP eliminou máis de 1.000 profesores en Galicia, máis 700 nas universidades, ao que hai que sumarlle a redución drástica de finand¡ciamento, a eliminación do préstamo dos libros de texto ou o decreto dos comedores.
O futuro do transporte escolar e a situación en Lugo
Carlos Ferreiro incidiu en que a Xunta “debe aclarar agora tamén que van facer co transporte escolar”, porque, denunciou, o PSdeG ten datos de “movementos do goberno galego para nomear os mesmos técnicos que fixeron os estudos económicos para o pago dos comedores para que agora entren no transporte”, o que “sería moi preocupante especialmente en provincias con poboación dispersa como Lugo”.
O secretario de Educación provincial apuntou que “en Lugo hai casos de profesores que lles pagaron as taxas a alumnos para que puidesen facer a selectividade”, e destacou “a labor das ANPAS, que están a facer mercadillos e outras iniciativas para o préstamo de libros”. Ademais, alertou das carencias que haberá no vindeiro curso, “que aínda será peor”, en temas como as actividades e horas de reforzo para os alumnos con maiores dificultades, “que moitos centros non poderán dar porque están en cadro e sen profesores suficientes, polo que os pais trán que asumir o pago de pasantías ou que os nenos queden sen a atención adecuada”. O socialista reprochou que “o PP isto non o ve, e parece que non coñece ou non lle importa a realidade do día a día en Lugo e en Galicia”.
“Igualdade de oportunidades”
Os socialistas censuraron asimesmo a intervención de onte de Xosé Manuel Barreiro sobre a nova lei educativa do PP. “Unha de dúas, ou fala desde a ignorancia, que creo que non, ou o seu é un engano intencionado”, afirmou Carlos Ferreiro, que lembra que “o que non di o PP e que aparece neses datos que manexa é que o sistema educativo español era ata agora o máis equitativo do mundo e garantía a igualdade de oportunidades”, algo que “o PP está a eliminar por unha educación elitista, porque primeiro lles sobraban profesores nas aulas, e agora tamén lles sobran alumnos”.
Concepción Burgo tamén aludiu ao camiño “clasista” que o PP pretende para a Universidade galega, “que agora está a cumprir con creces sen o respaldo da Xunta e á que están levando a unha situación límite”. Como exemplo ilustrativo, dixo que no Campus de Lugo “xa non hai cartos nin para dar un folio a cada alumno para facer os exames, e estamos chegando a unha altura insoportable”.
Burgo lembrou que a Universidade é “o motor de elevación social máis importante do país” e que o esquema socialista de becas garantía “a equidade do sistema”, cun 40% de estudantes pertencentes a familias traballadoras, “algo que o PP quere destruír”, xa que “o próximo ano entre un 50 e un 58% dos estudantes perderán a beca”.