Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esixe que a Xunta dote A Mariña dos socorristas precisos e pide aos alcaldes do PP “seriedade” para reclamalo

O PSdeG,a través do deputado José Ramón Val, esíxelle á Xunta que dote as praias da Mariña lucense co persoal necesario para a seguridade dos cidadáns e reclámalle aos alcaldes do PP “seriedade” para que “deixen de lado o partidismo e a demagoxia” á hora de pedirlle “un compromiso real ao goberno autonómico cun tema prioritario no verán”. O servizo de socorristas é “unha competencia clara da Xunta” cos concellos, di Val, polo que lles pide “responsabilidade” en lugar de “lavarlles a cara e desviar as carencias cara outras institucións” como a Deputación provincial, “que como eles saben perfectamente, xa está a asumir moitas responsabilidades que non son súas na provincia precisamente pola deixadez do goberno de Feijóo”.

A “preocupación” dos socialistas vén tras coñecerse que o propio xefe do equipo de socorristas de Barreiros admitise que non son suficientes para vixiar toda a costa lucense e haberá praias sen protección, ademais de que as axudas do goberno galego chegan tarde co conseguinte atraso na contratación do persoal por parte dos concellos. Por otra banda, “a Xunta non subvencionou, por segundo ano consecutivo, a contratación de persoal para a limpeza dos areais”, critica Val. “Ante esta situación calamitosa e de despreocupación total da Xunta por un dos maiores activos turísticos da provincia, pedímoslles sentido común aos alcaldes e aos cargos do PP na Mariña, como o señor Balseiro, para que dunha vez se unan e miren polos veciños en lugar de antepoñer as siglas do partido ás necesidades da xente, como xa nos veñen demostrando en moitos temas”, afirma o parlamentario.

Exit mobile version