Site icon Crónica3.com A Mariña

O Seminario de Estudos do Valadouro presentou os seus dous primeiros cadernos

DSC06555O Seminario de Estudos do Valadouro presentou os dous primeiros cadernos editados co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo. A Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro acolleu este acto na xornada do sábado 13 de xullo conducido por Xabier Pardiñas, presidente do S.E.V.A., non podendo asistir finalmente Antonio Veiga, Vicepresidente da Deputación.

Durante a súa intervención Xabier Pardiñas fixo un repaso dos traballos que está a levar a cabo o S.E.V.A no seu, pouco máis que, primeiro ano de vida. Nese sentido, comezou mostrando o seu orgullo polo traballo feito, mais “non satisfeitos, porque sempre se pode facer máis”. Así, Pardiñas considera que se deben sentir orgullosos porque “sobrevivimos ó noso primeiro ano de vida, algo que moitos colectivos son incapaces de superar, moitas veces polos atrancos administrativos, por ser incapaces de formar grupos de traballo, por non ter un obxectivo claro ou por outras moitas razóns”. Tamén recordou que non contaron cun local fixo ata fai pouco máis dun mes, pero aínda así, “fomos capaces de ter reunións periódicas”.

No seu balance, destacou que “tal e como nos propuxemos fai un ano fomos capaces de sintetizar todo o potencial do colectivo en tres áreas de traballo, dedicadas á arte, a sociedade e a natureza, contando para cada unha delas co correspondente responsable de área”.

Así, Pardiñas mostraba o seu orgullo por poder presentar as dúas primeiras publicacións do Seva, como se decidiron chamar, os “Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro” concibidos coma unha publicación periódica, en forma de pequenas obras baseadas na recuperación, promoción e divulgación, dos valores históricos, arqueolóxicos, etnográficos, artísticos e culturais, así como outros de tipo económico ou científico que garden relación cos territorios do Val.

Pola súa banda, Manuel Lourenzo presentou a súa obra “As luces do Caselo”, peza de teatro ambientada no Mercado Medieval de Alfoz. Lourenzo leu a primeira escena deste texto ambientado no Castelo do Castro de Ouro.

Posteriormente Lionel Rexes Martínez falou sobre a súa obra “Ditos e Refráns do Valadouro”, estudo que recolle os ditos e refráns máis populares das terras do Valadouro, explicando como foron recollidos e compartindo unha parte dos mesmos co público asistente.

O presidente do SEVA quixo aproveitar a ocasión para ofrecer estes cadernos como un escaparate para aquelas persoas interesadas na iniciativa, ademais de recordar que “hai compañeiros traballando para que axiña teñamos publicadas máis obras”.

Durante o acto contouse coa actuación do actor e bailarín José León, que puxo a nota de humor ó evento. E, unha vez rematado o acto, puxéronse a disposición dos asistentes os cadernos presentados, aproveitando a presenza dos autores para pedirlles unha dedicatoria persoal.

Outras actividades
Entre as actividades organizadas polo Seminario de Estudos do Valadouro, o seu presidente recordou as diferentes xornadas relacionadas cos fins deste colectivo, en colaboración co Concello de Alfoz, e do primeiro Festival de Curtas, que contou tamén coa colaboración da Deputación de Lugo. Con respecto a este evento, avanzou que “teremos, sen dúbida, unha nova edición para o vindeiro mes de marzo, e esperemos que se converta nun dos nosos eventos anuais”.

Pardiñas non quixo esquecer “o traballo de varios dos nosos compañeiros na recuperación do material recollido nas antigas escolas unitarias de Alfoz, co fin de chegar a conseguir un museo pedagóxico nas antigas Escolas da Sociedade “Hijos del Valle do Oro” de Adelán”. E tamén fixo mención ó traballo doutros socios en torno ás diferentes tarefas diferentes de catalogación dos muíños do val, a organización de viaxes para colexios, en colaboración coa Acia de Alfoz, a recuperación de oficios tradicionais como a cestería, da que teremos unha demostración no Mercado Medieval de Alfoz, co que colabora o SEVA activamente. Precisamente sobre a cestería están a traballar na realización dun curso práctico e a na gravación dun vídeo-documental de todo o proceso de construción dun cesto – dende a plantación do vimbio ata o cesto rematado.

Exit mobile version