Site icon Crónica3.com A Mariña

O tren turístico da Mariña amplía a súa frecuencia debido á alta demanda rexistrada

240713 Raquel Arias e María Teresa López, na oficina de Turismo de FozFoz, 24 de xullo de 2013.- A Xunta de Galicia, en colaboración con Renfe, decidiu ampliar a frecuencia do tren turístico da Mariña debido á alta demanda de viaxeiros rexistrada nestas primeiras semanas de funcionamento.

Así, o tren que recala en Ribadeo realizará o seu percorrido todos os sábados, cando a previsión era que o fixera cada dúas semanas, temporalidade que si se mantén no caso dos domingos (un de cada dous).

Esta decisión tomouse á vista da importante demanda que tivo o tren turístico, que durante os sábados do mes de xullo chegou a cubrir practicamente o 100% das prazas. O interese que espertou a iniciativa deixouse sentir tamén nas oficinas de turismo da comarca, xa que foron moitos os visitantes que preguntaron polos percorridos, horarios e detalles dos distinto traxectos ofertados ao longo da costa galega.

Así, o tren Ruta dos Faros percorre toda a costa norte dende Ferrol a Ribadeo e contempla dúas opcións de viaxe, segundo o punto de partida e de regreso xea o propio Ribadeo ou ben sexa Ferrol –facendo igualmente parada en Ribadeo e dando opcións aos pasaxeiros a pernoctar na Mariña-.

A delegada territorial, Raquel Arias, felicitouse polo éxito desta iniciativa, froito dun convenio de Turismo de Galicia con Renfe para ampliar a oferta turística da Mariña durante o verán. Está previsto manter a oferta ata o 15 de setembro.

Estas rutas, apuntou Arias, “inclúen o servizo de guía especializado durante todo o percorrido, que axudará a coñecer e comprender as paisaxes e a historia dos lugares que se recorren”. No caso de Ribadeo, acompañará aos turistas ao faro de Illa Pancha e á praia das Catedrais. Raquel Arias destacou “a innovación” desta proposta e incidiu na aposta do Goberno galego por “deseñar unha estratexia para multiplicar o noso potencial turístico, presentando unha oferta diversificada a partir de aquilo que nos singulariza”.

Así mesmo, a delegada lembrou que o convenio entre a Xunta de Galicia e Renfe inclúe outras vantaxes para a provincia de Lugo, como a posta en marcha do bono Rail Pass para peregrinos ou usuarios do ferrocarril, que permitirá utilizar a rede de tren durante dez días dentro da comunidade autónoma cunha tarifa plana de 49 euros por adulto e 9 por neno.

Oficinas turísticas
A delegada territorial, xunto coa concelleira de Turismo de Foz, María Teresa López, visitou a Oficina de Turismo do municipio. A Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, financia por primeira vez a través dunha liña de axudas específica a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados Municipios Turísticos. Arias significou que, a liña de apoio que ven de promover Turismo de Galicia, beneficia directamente a catro concellos da comarca da Mariña, en concreto, os municipios de Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo e o de Foz.

A representante do Executivo galego asegurou que estas achegas -que poderán solicitarse ata o 30 de agosto a través de medios electrónicos, seguindo o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia- están dispostas para “manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios que contan coa devandita declaración”. Arias engadiu que con esta medida “estimulase a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos como de toda a provincia e a comunidade galega no exterior”.

Neste sentido, cabe subliñar que a medida responde ao habitual incremento de información turística que se produce nos concellos ao longo da tempada estival e que, no presente ano, en función das referencias existentes, está a aumentar con relación ao mesmo período dos últimos anos.

Convenio para a promoción da comarca
Por último, Raquel Arias lembrou tamén que este mesmo mes Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios da Mariña asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción turística.

O obxectivo do acordo é poñer en valor os recursos da zona e difundilos naqueles mercados potenciais de interese. De tal xeito que, en virtude do convenio, implementaranse accións de promoción, incentivarase o uso das novas tecnoloxías ao servizo do turismo e a formación dos actores turísticos na procura da mellora continua da calidade do servizo.

Exit mobile version