Site icon Crónica3.com A Mariña

O VI Seminario de jazz e música moderna de Burela celebrarase do 15 ó 19 de xullo

Antonio Veiga e membros da Asociación Mariña JazzBurela, 11 de xullo de 2013. O vicepresidente da Deputación e responsábel das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, participou na presentación da VI edición do Seminario de Jazz e música moderna, que se celebrará en Burela, no colexio Virxe do Carme, do 15 ao 19 de xullo, e que está organizado pola Asociación Mariña Jazz, en colaboración coa área de Cultura da Deputación.

Achegar o jazz a afeccionados e profesionais da música, así como á poboación en xeral, entendido este como xénero no que se insiren un grande número de estilos e tendencias musicais; potenciar a educación en valores a través da práctica instrumental grupal e dinamizar a cultura musical de Burela e da Mariña son algúns dos obxectivos que persegue este seminario.

A organización desta sexta edición supón unha aposta clara pola consolidación de especialidades instrumentais que se foron incluíndo en pasadas edicións, como é o caso das incorporacións do pasado ano: trompeta e violín, que se veñen sumar a outras especialidades que se ofertaron en anteriores edicións, co obxecto de achegar este curso ao maior número de persoas interesadas no mundo do jazz e da improvisación musical.

Neste sentido, Antonio Veiga afirmou que “o feito de que esta iniciativa cultural se organice por sexto ano consecutivo é sinónimo da grande afección que existe por este estilo musical na Mariña, converténdose nunha cita estival ineludible e totalmente consolidada que ofrece unha alternativa de lecer aos rapaces e rapazas da comarca”.

Durante cinco días, os alumnos recibirán clases da man de dez profesores de distintas especialidades instrumentais e con coñecementos nos diversos estilos musicais que conforman o universo da “música moderna”: blues, jazz tradicional, funky, latin, pop, folk. Ademais das clases, o alumnado poderá participar nos distintos combos que se organicen, así como tamén asistir aos concertos e participar nas jam sessions que haberá diariamente ao finalizar as clases. Os alumnos e alumnas do Seminario serán os encargados de pór o broche final a esta semana musical nun concerto que se celebrará o venres 19, ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela.

Como novidade, este ano o Seminario contará coa colaboración especial do vibrafonista grego Dimitris Angelakis, que impartirá xunto con Arranz, un workshop de improvisación e vibráfono os días 20 e 21 de xullo, como complemento ao VI Seminario.

Exit mobile version