Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro luns presentarase o documento ‘Ría de Ribadeo’

A AVV O Tesón ten rematada xa unha nova actividade cultural. O próximo luns 22 de xullo, ás 20.00 horas no Local de Asociacións do Lavadoiro da Rúa dos Fornos de Ribadeo será presentado o documento ‘Ría de Ribadeo’.

Cada unidade de ‘Ría de Ribadeo’ consiste nun cartaz coa reprodución de 10 cartas e planos da ría, xunto cunha introdución e dous documentos anexos.

As cartas levan datas dende mediados do século XIX (cando comeza a maior expansión da actividade portuaria de Ribadeo) en diante, ata a construción do ferrocarril de Vilaodriz. Son reproducidas en formato A3 en papel nobre, levando por tras unha trascrición (completa ou parcial, segundo o caso) dos datos que aparecen como definitorios da carta. Mesmo nun caso aparece transcrita unha relación das indicacións de 150 puntos marcados na carta que, por seren con letra antiga, non son doados de interpretar.

Xunto coas cartas, preséntase un texto introdutorio en formato A4 e reproducido castelán, francés e inglés, a máis de en galego. Acompaña a este texto a reprodución de dous documentos máis: o “Informe sobre la decisión adoptada por la Comisión Especializada de Nombres Geográficos, del Consejo Superior Geográfico, con relación al topónimo ‘Ría de Ribadeo’”, e máis o texto no BOE do R.D. 591/2002, polo que se concede o título de ‘Marqués de la ría de Ribadeo’ a Calvo-Sotelo.

A tirada é de 250 exemplares. As unidades distribuiranse a 10 € para os socios na mesma presentación, e a partir do luns, calquera poderá recollelas nas librerías a cambio de 15 €.

Quedan embaixo un dos planos como mostra dos reproducidos, e un plano de orientación para acceder ó lugar da presentación, por se a alguén lle fora preciso (en vermello, o lavadoiro; en verde, concello, Torre dos Moreno e antigo cine-teatro).

Exit mobile version