Site icon Crónica3.com A Mariña

Os ‘Mércores Miúdos’ arrincan nos xardíns da Deputación co espectáculo ‘A nena e o grilo nun barquiño’

mercores miudosLugo, 3 de xullo de 2013. Os Mércores Miúdos serán desde este mércores 2 de xullo, un ano máis, a principal diversión para as tardes dos mércores dos nenos e nenas lucenses. Os espectáculos infantís comezaron esta tarde con “A nena e o grilo nun barquiño”, na segunda parte da historia entre a nena e o grilo, vellos amigos dos nenos e nenas lucenses xa que estiveron precisamente nos xardíns da Deputación hai dous anos. Neste espectáculo da nena e o grilo os nenos e nenas aprenden a valorar a expresión a través das artes: música, teatro, narrativa, ilustración, poesía; sempre dende un punto de vista que fai fincapé na horizontalidade, na alegría e na comunicación.

O programa Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación, posto en marcha pola Área de Cultura, inclúe este ano, ademais das actuacións para público en xeral, que terán lugar todos os xoves de xullo, agás o Día da Patria, e os dous primeiros de agosto, arrancando mañá ás 21:00 horas coa actuación de Isabel Risco e The Tetas’ Van, tamén se proxectan os martes filmes de contido social e os días 2 e 9 de agosto haberá teatro sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño coa participación de actores e actrices de Buxiganga xunto ao actor Avelino Fernández e aos músicos Ataque Escampe e o Leo e Arremecághona.

Estas actuacións abren así un ano máis as portas dos xardíns do Pazo de San Marcos e enchen de música e divertimento as tardes de verán lucenses. Tras varios anos de percorrido, consolídase unha proposta que medra de edición en edición e que, cada vez máis, conta co interese e a fidelidade do público lucense. Cultura Aberta é un programa que quere achegar propostas de lecer e culturais a toda a poboación, xa que os contidos se adaptan a todos os públicos. Nesta nova edición de Xoves de Cultura aberta faise fincapé no propio, con propostas artísticas, culturais e musicais locais, para reivindicar a calidade e a diversidade da produción cultural da nosa contorna e de Galiza. E tamén as actuacións que hoxe comezan os mércores serán levadas a cabo por compañías galegas.

Exit mobile version