Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares mindonienses consideran “inxustificable” que o cartel do Mercado Medieval se presente a pouco máis dunha semana da súa celebración

Mondoñedo, 31 de xullo de 2013.- O Partido Popular de Mondoñedo critica a xestión do equipo de goberno polo retraso na presentación do cartel do Mercado Medieval considerando “inxustificable” que se presente faltando pouco máis dunha semana para a súa celebración.

Os populares explican que este encontro, que ten lugar anualmente o segundo fin de semana de agosto, é organizado directamente polo equipo de goberno do Concello de Mondoñedo, a quen piden explicacións polo motivo que leva a este retraso e que previsiblemente influirá negativamente no número de visitantes que se acheguen durante esa fin de semana á localidade.

Dende o PP local achácanlle esta situación a falta de planificación e de traballo dun equipo de goberno que unha vez máis “elude as súas responsabilidades”, e cuxa situación irá en detrimento do turismo e polo tanto da actividade económica local.

Os populares explican que este feito non se deriva da falta de orzamento para facerlle fronte a organización do festexo, xa que o 31 de maio de 2013, a Xunta de Goberno da Deputación provincial de Lugo aprobou conceder ao concello de Mondoñedo unha subvención directa, de carácter excepcional, por 77.500 euros, para poñer en valor e aproveitar as potencialidades de Mondoñedo como destino turístico.

Así, os populares explican que esta achega económica sufragaría custos, entre outros, da edición do Mercado Medieval desta anualidade. Feito que demostra que é a falta de compromiso de Orlando González co pobo é a que está a provocar este retraso, que impide dar a coñecer e publicitar con tempo o Mercado Medieval.

En detrimento do turismo
“É inasumible” que unha festa de reclamo como a do Mercado Medieval non estea presentada a data actual e non se coñeza o seu programa, aseguraron os populares ao tempo que explicaron que o seu partido está a traballar en proxectos e alternativas que permitan ser o motor para converter a vila en destino turístico e reactivar a súa economía.

Os populares lamentan a actitude contraditoria do bipartito municipal que anuncia un plan de dinamización turística e participa en xornadas nas que colabora a Xunta de Galicia para estudar o potencial turístico da localidade; porén á hora da verdade e de por en marcha traballos a prol de acadar estes obxectivos “esquécense das súas obrigas” e castigan a Mondoñedo “privando aos veciños de ofrecer unha imaxe de reclamo ao visitante”.

O Mercado Medieval é un atractivo, durante o que inclusive se celebrada o día do turista e que permita á localidade remontarse ao medievo, con postos de artesáns, músicos, malabaristas… que xunto a vestimenta típica da época converte eses días Mondoñedo nun confluír de visitantes.

Asemade, os populares queren agradecer o traballo de todos os implicados e dos todos os participantes que anualmente colaboraron para que este encontro se fose consagrando no tempo e convertendo nun festexo de relevancia a nivel comarcal.

Neste mesmo senso, os populares lembran que o Orlando González chegou a poñer en perigo a celebración das feiras das San Lucas, polo que agardan que o Mercado Medieval non chegue a sufrir este risco.

Exit mobile version