Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo solicitan por segunda vez consultar as bases e o expediente do Plan de Empreo ó non entender o secretismo do goberno

CERVO, 29 DE XULLO. Os membros do Grupo Municipal Socialista veñen de rexistrar esta mañá unha solicitude mediante a cal piden novamente “unha copia das bases reguladoras do Plan de Fomento de Emprego Xuvenil do Concello de Cervo e que se poña á nosa disposición para a súa consulta todo o expediente que obre no Concello”.

A principio deste mes de xullo solicitaron esta mesma información ó non ver publicado o proceso de maneira oficial, é agora cando, trala Xunta de Goberno celebrada o pasado día 4, reciben unha resposta por parte do alcalde, Alfonso Villares, da que non poden dar crédito, “os argumentos sobre a falta de transparencia amosada polo equipo de goberno son, por un lado, que non teñen constancia de que se solicitara esta información e por outra banda, que temos toda a documentación solicitada no Rexistro Xeral de entrada de documentos do Concello de Cervo ó que temos acceso”.

Neste senso, os socialistas subliñan que “o goberno non ten que ter, nin deixar de ter, coñecemento das actuacións que se realizan por parte do GMS, o goberno ten que velar porque os expedientes se tramiten de forma axeitada ás leis e por que se respeten os dereitos dos membros da oposición ó acceso a documentación”.

Non entenden o secretismo no que se escuda o noso rexedor ó abordar este asunto. De acordo co establecido na lexislación vixente “o expediente que requerimos ó Concello de Cervo é, precisamente, aquel no que consten as bases, os informes xurídicos e económicos previos a súa aprobación, a fiscalización favorable feita polo Interventor, os criterios de adxudicación das bolsas, o acordo de aprobación e a publicación das mesmas. Estamos no noso dereito a revisar todos e cada un dos pasos de dito proceso”.

Insisten en que a disculpa de que toda a información está dispoñible no rexistro é unha evidencia máis do absoluto descoñecemento por parte da Xunta de Goberno do funcionamento do noso Concello, “¿dende cando unhas bases dun proceso selectivo están no Rexistro Xeral? No caso de facer algún tipo de proba, entrevista, exame, concurso de méritos ¿atópanse no Rexistro Xeral?, ¿están presentes os posibles informes técnicos, xurídicos, económicos, resolucións de alcaldía e un longo etcetera no Rexistro Xeral?”.

As respostas do goberno de Cervo ante este asunto son tan incomprensibles que incluso “se pode derivar a posibilidade dunha actuación irregular. Por todo, esiximos consultar as bases reguladoras e o expediente do proceso deste Plan de Emprego sen máis rodeos e coa maior celeridade posible para tentar aclarar tódalas nosas dúbidas o antes posible”.

Exit mobile version