Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian que os goberno galegos e español “deixan totalmente desprotexidos e abandonados a tripulantes e armadores dos cefalopodeiros galegos en Mauritania”

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, denunciou que Xunta e goberno central “deixan totalmente desprotexidos e abandonados aos tripulantes e armadores dos cefalopodeiros galegos que operaban en Mauritania”. Así o dixo logo de coñecer a decisión do goberno de non renovar as axudas á flota expulsada, enviando aos afectados ao paro.

Val sinala que “o desleixo dos gobernos no PP na defensa dos intereses galegos está poñéndolle a puntiña á nosa flota en terceiros países” e demandoulle ao presidente do goberno galego e á conselleira de Pesca “un mínimo de compromiso e un esforzo eficaz á hora de traballar polos sectores produtivos”.

O parlamentario socialista advertiu que esta noticia supón un duro golpe “logo de evidenciar que os gobernos do PP non foron quén de posibilitar a inclusión dos barcos cefalopodeiros galegos no acordo pesqueiro”.

Agora, engade, “vemos cómo rematan as axudas que viñan percibindo tanto armadores como tripulantes sen que o goberno teña movido un dedo para solucionalo, así que dende hoxe os preto de 200 tripulantes dos buques pasarán a engordar as listas de parados no noso país”.

Exit mobile version