Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas piden máis planificación ó Goberno de Cervo

A pasada fin de semana varias zonas do concello sufriron un corte de luz programado, do que non foron informados por parte do Concello, entre eles tamén se viron afectados os veciños da Senra cando estaban a celebrar as súas festas patronais, os socialistas lamentan que “o equipo de goberno non teña unha correcta planificación destes casos, a falta de xestión é total e absoluta”.

A empresa executora do corte cumpriu coa súa obrigación de anuncialo o día anterior na prensa e terllo comunicado ó Concello, “quen non cumpre coa súa responsabilidade é o goberno de Cervo, que sabendo que eses días se celebran as festas dese burgo, debería propoñer á empresa un pequeno cambio para tratar de evitar, precisamente ese día, o corte de luz”.

Os socialistas subliñan que foron moitos os veciños que nos transmitiron as queixas xa que “a maioría deles encontráronse co problema por sorpresa pois aseguran que non recibiron ningún aviso por parte do Concello. Para os que estaban a celebrar as festas da Senra, con invitados nas casas e coa preparación das comidas, supuxo aínda un maior prexuízo”.

Esixen unha mellor xestión ó goberno do PP pois “este tipo de casos poñen de manifesto a súa desidia e falta de interese polos asuntos dos veciños. O mesmo está a pasar co repetidor de TDT en Rúa, foi instalado para dar unha mellor cobertura pero a día de hoxe segue a dar problemas. Unha boa xestión require un seguimento posterior das instalacións municipais, en caso de que non den resultados, debe darse solución canto antes”.

Iso sí, a busca das solucións debe facerse coa mínima molestia ós veciños, “evidentemente non se pode permitir un corte de luz unha fin de semana en plenas festas. Ese é o traballo do goberno de Cervo, unha boa planificación e xestión podería evitar este tipo de erros”.

Exit mobile version