Site icon Crónica3.com A Mariña

Os xardíns do Eido Dourado acollerán este domingo a actuación dun dos grupos de jazz máis importantes de Galicia

Barreiros, 25 de xullo de 2013. Este domingo, día 28 de xullo, a partir das dez da noite, actuará nos xardíns do Eido Dourado a formación musical Sumrrá, que é un dos grupos de jazz máis importantes de Galicia.

O promotor do concerto, Celso Dourado, explica que pretende ser “unha continuación ao festival de jazz que se vai a celebrar esta fin de semana en Ribadeo. Sumrrá é un dos grupos máis importantes que temos en Galicia, conta cunha fonda traxectoria dentro do mundo do jazz e está composto por Lar Lejido á batería, Manuel Gutiérrez ao piano e Xacobe Martínez ao contrabaixo. Teñen unha longa traxectoria de máis de dez anos con actuacións e concertos en distintos países de Europa e incluso en Pretoria (Sudáfrica). Realmente é un luxo poder acceder a un grupo como este, e eu teño que dicir que puiden logralo por amizade con dous dos seus compoñentes, senón penso que sería difícil”.

Os resultados anteriores fan ter boas expectativas xa que, como sinalou Celso Dourado, “foi realmente espectacular no domingo pasado o concerto co fado como protagonista, foi unha verdadeira marabilla. Xuntámonos cerca de 200 persoas alí á noitiña a escoitar fado e foi unha gozada”. O artista barreirense agarda repertir éxito o vindeiro domingo co jazz.

‘Habelas Hainas’ no cámping Gaivota mañá, venres
Nas terrazas do cámping Gaivota mañá, venres, a partir das once da noite haberá unha nova edición das Queimadas proletarias, “neste caso cun grupo moi coñecido, que practicamente se estreou no cámping: Habelas Hainas, unha formación feminina que xa ten unha traxectoria duns seis anos actuando por distintos sitios de Galicia, León e Asturias. Úneme a elas tamén unha fonda amizade e van animar como elas saben facelo”.

O promotor recordou que “estes eventos celébranse co gallo de que cumprimos 25 anos do cámping Gaivota” e reitera que “os concertos que se fan tanto no cámping como no Eido Dourado son absolutamente libres e gratuítos. O único que esperamos é que, máis en concreto no Eido Dourado, a xente saiba gozar dese tipo de música. Normalmente está sucedendo así e é raro dispoñer aquí, na Mariña, dun espazo ao aire libre onde se poida escoitar a música de calidade que estamos ofertando. Eu sigo insistindo e invito a todos aqueles que se queiran pasar polo Eido. Espero que o tempo nos acompañe, porque é un factor importante”.

Exit mobile version