Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira lamenta que o PSOE volva poñer en evidencia o seu descoñecemento sobre o Plan de Fomento do Emprego Xuvenil en Cervo

Cervo, 30 de xullo de 2013-A edil de Emprego, Yolanda Pedreira, asegurou hoxe “non dar crédito” ás declaracións do grupo municipal socialista sobre o Plan de Fomento do Emprego Xuvenil xa que con elas “os socialistas poñen en evidencia, unha vez máis, o seu profundo descoñecemento sobre esta iniciativa” despois de que o grupo de goberno leve máis de medio ano traballando na súa posta en marcha e do que xa se benefician catro titulados cervenses.

“Reiteramos de novo que o convenio asinado coa entidade promotora das bolsas formativas, FEUGA, se atopa no Rexistro Xeral do Concello” engade a edil, que lembra que o 17 de xaneiro entrou en dito Rexistro un documento no que a Fundación Empresa-Universidade Galega ofrecía ao Concello a posibilidade de colaborar economicamente nun programa de bolsas remuneradas para a mocidade titulada do municipio.

“Se se molestasen en traballar e buscar a información, ou en entendela, verían claramente como o Concello é unha entidade que colabora con FEUGA”, o que implica que a fundación se encarga dos trámites administrativos e o Concello cervense fai unha doazón a esta fundación para o pagamento das bolsas, cuxa contía depende de se os bolseiros realizan tarefas en dependencias municipais ou en empresas privadas.

Pedreira considera ademais que “aos socialistas dóelles que neste Concello sexamos pioneiros neste tipo de bolsas de formación para a xuventude titulada de Cervo, cando en realidade deberían alegrarse de todas as medidas que beneficien á veciñanza”.

Exit mobile version