Esta cita estival, coa que colabora o organismo provincial, adoita dar cabida a uns 400 participantes, procedentes tanto da comarca como turistas que pasan uns días na localidade. O concurso propiamente dito desenvolverase a partir das 12:30 horas, coincidindo coa baixamar, para que os artistas afeccionados teñan tempo suficiente para deseñar e dar forma ás súas esculturas de area e para que logo se poidan contemplar o máximo tempo posíbel.
Dentro do concurso establécense varias categorías de participación: para nenos e nenas, para veteranos, para persoas con algún tipo de discapacidade e para colectivos, que construirán as súas esculturas na area aproveitando as horas de baixamar; habendo premios para os gañadores e un agasallo para todos os participantes. Neste senso, Antonio Veiga, destacou “o labor social que se desenvolve coa organización deste evento ao dar cabida a colectivos de persoas con algún tipo de discapacidade fomentando, así, a súa integración”.
“Estamos ante un evento totalmente consolidado que se desenvolve nun paraxe único como son todas as praias da Mariña, ás que lle queremos moito todos os lucenses. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo desexámoslle moitos éxitos a esta 24ª edición do Concurso de Castelos na Area, e que sexa unha xornada lúdica na que poidan disfrutar nenos e maiores, como viñeron facendo todos estes anos”, concluíu o vicepresidente.