Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación cultural Francisco Lanza comeza a programación de verán coas Xornadas de Historia Local

directiva -francisco lanzaA Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza varias actividades para este verán. Unha son continuidade das do ano ou anos pasados e outras son novas.

Estas propostas teñen o seu comezo os vindeiros días 30 e 31 deste mes de xullo cunha nova edición das XORNADAS DE HISTORIA LOCAL, que este ano están dedicadas ao teatro no noso concello.

Así, o primeiro día, a actriz e produtora de Barreiros Comba Campoy presentará o documental “Morreu o demo. Acabouse a peseta” un percorrido polo teatro de monicreques que, sobre todo na posguerra, foi a única oportunidade que tivo o pobo de ver teatro, ao ser obriñas que se levaban ás feiras. A barraca da familia Silvent, coa historia de Barriga Verde, tamén estivo en Ribadeo.

O segundo día, Francisco Piñeiro falará do noso teatro ao fío do seu libro Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense, editado no ano 2012 pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Logo do relatorio, o grupo de teatro da Agrupación representará a obra de Daniel Cortezón O cego, dirixida por Xosé Rico, razón pola ca estas xornadas de historia local cambian o lugar habitual e múdanse para o Teatro (rúa San Roque, 2).

“PALABRAS NO BALCÓN” Continuando o que se fixo o ano pasado con poemas de diversos autores galegos e estranxeiros, a comezos de agosto colgaranse lonas dos balcóns de casas ribadenses con poemas de Rosalía de Castro, no ano en que se conmemora a publicación de Cantares Gallegos. As persoas que camiñen por Ribadeo nos meses de agosto e setembro van poder coñecer a obra da nosa escritora a través dunha escolma de 20 textos onde se reflicte tanto a súa vea social como a íntima.

A raíz dunna colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo a Agrupación programa tamén dúas xornadas de maxia co MAGO ANTÓN: O día 5 de agosto fará microactuacións pola rúa e o día 6, ás 21.00 h no Teatro, ofrecerá o espectáculo Onde está o mago Antón?.

Estase tamén a preparar nestes momentos un novo número dos CADERNOS RIBADENSES, que sairá do prelo no outono e que está dedicado á creación literaria de autores e autoras, con publicacións anteriores ou non, de Ribadeo ou especialmente vinculados ao noso concello.

Exit mobile version