Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias destaca a total implicación e a consolidación do proxecto social das Irmás Rogacionistas na Mariña

Burela, 23 de xullo de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, asistiu hoxe á presentación da memoria de actividades do centro concertado de asistencia social rexido pola orde relixiosa das Irmás Rogacionistas en Burela, que desenvolve programas dirixidos a mulleres e menores en risco de exclusión social.

A delegada falou dun proxecto “consolidado”, que leva dez anos instalado en Burela, “integrado na Mariña dende o primeiro momento e volcado na axuda aos máis necesitados”.
A institución prestou atención o pasado ano a máis dunha trintena de nenos e adolescentes e a cinco mulleres con fillos menores ao seu cargo en situación de vulnerabilidade e emerxencia social. Conta cun centro de día e unha residencia para menores e instalacións con zonas comúns e dúas vivendas que ocupan as mulleres acollidas e os seus fillos.

Raquel Arias gabou o labor que realiza o centro, salientando a posta en marcha da Casa de Familia, un fogar para menores que se atopan en situación de garda ou tutela pública pola Xunta de Galicia, e a ampliación da zona infantil no centro de día.

As prazas de atención a menores están concertadas coa Xunta de Galicia, que sufraga o desenvolvemento dos programas asistenciais a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión e, en menor medida, da Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

A delegada destacou tanto “a calidade humana” coa que abordan o seu traballo as responsables do centro como “a súa profesionalidade”, implicando a un completo equipo multidisciplinar e apostando pola orientación piscopedagóxica e a formación dos menores que ten acollidos ou son usuarios do centro de día, “mediante servizos como o de apoio e seguimento escolar, xa que a correcta escolarización é unha baza imprescindible para o seu futuro”.

Arias referiuse tamén ao programa de acollida dirixido preferentemente a mulleres con fillos menores ao seu cargo, destacando que se trata “dun programa de tratamento integral orientado a lograr a inserción social e a independencia persoal, cubrindo as necesidades básicas de aloxamento e manutención e potenciando as capacidades de cada usuaria”.

A delegada non quixo desaproveitar a oportunidade para insistir na “necesidade de que se denuncien todos os casos de violencia de xénero, porque é fundamental para poder achegar os recursos sociais ás vítimas”.

Para finalizar, subliñou a importancia de “traballar coa dedicación e profesionalidade” coa que o fan o centro San Aníbal, os profesionais do equipo técnico de menores da Consellería de Traballo e Benestar, que supervisan os casos, e os servizos sociais do concello de Burela, que tamén derivan usuarios. “So así, con todas as instancias implicadas e coordinadas, se poden conseguir os resultados desexados –afirmou-. A colaboración destas institucións e as administracións da como resultado un binomio efectivo moi necesario en tempos de dificultades como estes”.

Exit mobile version