Imprevistos de última hora fixeron que os seis equipos anotados quedaran reducidos tan só a catro, aínda que isto non mermou nin chisco a intensidade da competición.
O esbaradizo dun campo humedecido pola néboa, puxo en dificultades a máis dun palanador, mais pouco a pouco cada quen foi quentando motores, o mesmo que fixo o día.
Os Billardeiros Musicais por Ribadeo, os Bulls por Remourelle, o equipo compromiso LNB por Vilaselán e máis un equipo de Bretoña, foron os que se xogaron o año.
Neste torneo referencial do verán, víronse xa os primeiros movementos de xogadores con vistas a vindeira tempada regular, movementos entre equipos: Geni que volta ás filas dos Billardeiros acompañada tamén por Reyes, o retorno de xogadores míticos como o caso de Milio nos Bulls, que malia a súa prolongada ausencia deu mostras dabondo de que segue en moi boa forma e que pode ser a gran fichaxe da tempada. Tamén a Ekipa-Bítere (compromiso Vilaselán) que tempada tras tempada busca asentarse como equipo sólido, tivo as incorporación de Luis, Meli e o dominicano, xa ribadense, Michael Matos. Esperemos, que estas novas fichaxes non sexan flor dun día, unha arroutada máis, e que se consoliden.
Ós de Bretoña, que compareceron moi mermados de efectivos, votoulles unha man Toño (único representante dos Xiber e polo tanto sen posibilidade de competir como equipo).
Comenzado o encontro, nas dúas primeiras roldas de enfrontamentos dominaban os Bulls e parecía que todo se ía reducir a unha loita entre os de Remourelle e os musicais de Ribadeo. So foi un espellismo, xa que á terceira foi a vencida e os da vila tomaron a dianteira para xa non deixarse pillar por ninguén.
Conforme ía subindo a temperatura na xornada da mañá, tamén os Musicais ían aumentando a vantaxe sobre os seus rivais. En Santa Cruz agardaba un merecido xantar de irmandade e para repoñer forzas, fixemron a súa “xira” particular a base de paella e churrasco. Non faltaron uns “culines de sidra” para lembrarse dos irmáns asturianos que a última hora tiveron que desistir de non acompañar.
De volta á competición, entre carreira e carreira funcionou a todo trapo o fotokol billardeiro da LNB, sempre baixo a mirada expectante do año que deixaba de pacer para nos ollar fixamente. De seguro que pensaba algo parecido: “están tolos estes da LNB”.
Rodrigo fixo de escanciador titular e non deixou que ninguén pasase sede nesta estupenda xornada billardeira. Pola súa parte, Muriego e Milio tiraban dos Bulls tratando de achegarse ós musicais, mentres Vilaselán confiaba na súa estrela caribeña, pero todo o peixe estaba vendido. A diferenza mancárona sempre os de Ribadeo que non botaron en falta o liderazgo de Markytos e cas incorporacións das dúas campioas nacionais non deron trégoa e gañaron sobradamente o año.
O premio especial dun lote de productos de “El viejo Pescador”, foi para o MVP do torneo con 26 puntos sobre 27 posibles, o tamén Billardeiro Musical, Daniel “Asterix”.
A culler de pau, foi para o equipo de Bretoña, que malia a ser pouquiños, deron sempre a cara e abofé que saíron moi reforzados do envite: “Nunca tanto adestrei na miña vida” se oiu que comentaba alguén do equipo.
O año está xa a bo recaudo e agarda para presidir como bo anfitrión o tradicional xantar do comezo dunha nova tempada.