Site icon Crónica3.com A Mariña

Traballo forma a 39 desempregados de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Burela a través de 2 obradoiros de emprego

Mondoñedo (Lugo), 3 de xullo de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar formou a 39 persoas desempregadas nos obradoiros de emprego de Mondoñedo e Burela. O primeiro contou con participantes de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros nas especialidades de albanelería e carpintería grazas a un orzamento de 210.000 euros; e o segundo en Burela, na especialidade de atención sociosanitaria no domicilio, financiado pola Xunta con máis de 132.000 euros.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, entregou hoxe os diplomas aos participantes, que obterán un certificado de profesionalidade con validez estatal e que, segundo explicou, “demostran a preparación e as habilidades adquiridas e van incrementar moi significativamente a empregabilidade” dos participantes.

A titular de Emprego engadiu que a formación de calidade –tanto a nivel teórico como práctico– non é a única vantaxe que ofrecen os obradoiros, porque están directamente ligados a obras ou servizos de interese para a comunidade. Neste caso, un deles implica a realización de melloras en infraestruturas e monumentos dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros, mentres que o outro, de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, supón un dos nichos de emprego de Galicia cunha inserción do 52%.

Así mesmo, os obradoiros abren un importante espazo de colaboración cos concellos e tamén é moi importante que estes sexan quen de cooperar entre si e unirse en proxectos dirixidos a mellorar os recursos ao servizo dos galegos e galegas.

A conselleira expuxo que nos últimos meses o departamento impulsou un total de 43 obradoiros de emprego en toda Galicia que contaron cun investimento total de 10 millóns de euros e máis de 1.300 beneficiarios. Deles, na provincia de Lugo desenvolvéronse 8 obradoiros, con 200 alumnos e preto de 1,8 millóns euros de orzamento.

Ana María Díaz avanzou que neste ano 2013 estase a renovar e blindar a aposta por estes programas mixtos. Nas últimas semanas publicouse no DOG a Orde de obradoiros para 2013, que volverá contar con máis de 10 millóns de euros de orzamento e 1.300 beneficiarios.

Exit mobile version