Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres concelleiros do PP de Ribadeo destacan a importancia do PXOM

Venres 12 de xullo de 2013. Un día máis de néboa e barruzo, e sen embargo un día moi importante para o futuro da nosa vila. No pleno ordinario celebrado ás 20:00 tratamos como punto principal da orde do día a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Un Plan que levaba decenios agardando o empurrón definitivo por parte da corporación municipal. Comezou a súa andaina no 1992, modificando o de 1977, e que desautorizou o Tribunal Supremo no 98, circunstancia que obrigou a redactar un novo que foi posto en exposición pública por parte do Partido Popular, daquela na alcaldía, en plena campaña electoral das Autonómicas. Un Plan que recolleu o bipartito con ansias de renovación e que despois de 4 anos de duetto non moi frutífero (para algúns) recólleo o BNG con maioría e propón facer un labor conxunto e consensuado que se mantivo en tódalas reunións de portavoces dende aquel entón e que tivo o seu final nesta tardenoite gris e barrucenta.

Ó longo destas dúas lexislaturas, o traballo e o esforzo conxunto dos portavoces designados foi arduo e minucioso. O proxecto estivo impregnado dun común denominador: a responsabilidade conxunta e o sentido cidadán de tódolos e tódalas que compartimos unha idea de pobo e unha idea de futuro que pode ser defendida desde calquera ideoloxía. Un labor que supón a reflexión orquestada nun proxecto común que, independentemente dos puntos diverxentes, ten que levarse a cabo para a necesaria evolución e dinamización dunha comunidade.
Ninguén dubida da necesidade e da urxencia deste Plan. Todos sabemos que supervisar, favorecer e posibilitar o crecemento dun pobo é fundamental nestes momentos de crise económica e nestes tempos nos que a inseguridade social e financeira só permite avanzar con pasos ben guiados e definidos. Por eso a decisión a tomar ía parella á transcendencia e á importancia vital para todos nos, porque o traballo que deixamos feito vai máis alá de intereses particulares e vai máis alá tamén do aquí e agora. É o deseño de vila que herdamos dos nosos e é o deseño de vila que legaremos ós que nos sucedan. Só cun Plan que rezuma o sentir, a boa intención, e o bo facer de toda unha corporación podemos mirar ó futuro cun sorriso de esperanza e coa tranquilidade dun traballo axustado a dereito.

Tódolos cidadáns lembraremos este venres 12 de xullo de 2013 como un día no que o esforzo conxunto e o bo xuízo da corporación municipal de Ribadeo conduciron, dende un comezo moi lonxano xa, a dar un paso, non definitivo pero si moi importante, na procura dun futuro mellor para tódolos habitantes de Ribadeo, un futuro que cobra aínda máis sentido cos tintes de responsabilidade e compromiso democrático dos seus representantes políticos.

Exit mobile version