Site icon Crónica3.com A Mariña

Un abrazo, como símbolo do ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’

Luns 1 de xullo. Coa segunda edición, en 2013, o Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ (5, 6 e 7 de xullo) estreará trofeo personalizado, unha figura de dúas persoas que se funden nun só corpo a través dun abrazo, como símbolo dos valores de compañeirismo e solidariedade polos que traballa a cita deportiva da Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña. Os usuarios da Fundación Eu Son serán os encargados de fabricar a peza deseñada pola alumna de 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo Melina López D’Orazio.

Para a presentación do prototipo, o responsable do obradoiro de Cerámica do centro burelao, Juan Eijo, recibiu a semana pasada os pais do homenaxeado, Isabel Lozano e José Ramón Maseda, e a propia deseñadora, xunto ao presidente e vicepresidente de Imdecum, Marcelino Luna e Manuel Blanco. Juan Eijo ensinou o proceso para obter a peza final, que será moldeada en porcelana, e convidou a Melina para participar na fabricación da súa idea. O trofeo, exclusivo para o Memorial e con edición limitada, lucirá nas vitrinas dos campións de cada categoría.

A visita finalizou cun percorrido polas instalacións de Eu Son, guiada pola directora do centro, Noelia Eijo, e o responsable do obradoiro de Cerámica.

Datas e participantes
Ao longo dos días 5, 6 e 7 de xullo, os pavillóns da Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) acollerán a competición de benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Repetirán experiencia e diversión o histórico UD Las Rozas Boadilla, gran triunfador da primeira edición do Memorial, como campión benxamín e infantil, destacado en xogo limpo na categoría cadete e como pichichi en benxamíns, alevíns e infantís; a ED Vigo 2015 FS, gañador cadete en 2012; Troula FS de Betanzos e a ED EON Burela FS, que brillou na deportividade en benxamíns. Tamén confirmaron a súa participación o CD Guadalajara, o coruñés Futsaco, Ponte Ourense, Vilalba e dentro da comarca mariñá salienta entre os clubs interesados Cidade de Viveiro.

Exit mobile version