Site icon Crónica3.com A Mariña

Un complicado subcampionato galego para o Altruán de Ribadeo

altruan-noiaEste pasado sábado día 27 de xullo celebrouse o Campionato Galego de Kaiak de Mar en augas da Ría de Muros e Noia, á vez que 7ª regata puntuable da XIV LIGA GALEGA DE KAIAK DE MAR; o habitualmente complicado percorrido de 10 km, co especialmente difícil tramo na ciaboga da Illa da Creba, nesta ocasión estivo determinado pola inclemencia meteorolóxica que, en combinación cun mar de fondo do oeste, levou literalmente a debacle a gran parte das equipas concorrentes nunha regata na que mesmo se sobrepasaron os mínimos razoábeis de seguridade.

Estaban convocados na saída do Peirao do Marqués 179 padexeiros, tomando a saída pouco máis da metade das embarcacións dadas as pésimas condicións do mar; por engadidura, unha inusual e elevada porcentaxe de participantes abandonaron ao longo do percorrido, mesmo buscando refuxio na outra banda da Ria, incapaces de retornar á saída.

O club ribadense desprazou unicamente á cita unha embarcación coa responsabilidade precisamente de defender o campionato galego en categoría veteranos de 2012, a k2 de Ricardo Otero e Raúl Cedrón. Nesta oportunidade houbo que cederlle o ouro a dous lucenses, Francisco Vázquez e Bernardo Sánchez, gañando os mariñáns unha moi merecida prata, a quinta desta tempada da parella de referencia do Altruán.

Dende os primeiros compases da regata, a k2 mariñán mantívose na ola dos lucenses, que non se distanciaron ata chegar á Illa da Creba. Naquel intre, a diferenza de prestacións entre ambas embarcacións evidenciouse ampliándose a distancia. Na volta, os do Altruán optaron por un rumbo directo detendo o crono en 1:12:52, mentres que os lucenses derivaron buscando abrigo por terra, elección conservadora que demostrou ser máis razoable dada a diferenza final de case 8 minutos en meta cos mariñáns. Proba das durísimas condicións da mar, aparte a nutrida nómina de anulacións e retiradas (houbo categorías onde este capítulo ascendeu ao 85% dos inscritos), foi o feito de que o bronce a gañara a k2 cambadesa de J.L.Rey/Juventino Pérez, entrando a 1:19:18 en tempo de fora de control.

O outro club mariñán, o CP Viveiro, con tres anulacións, un retirado e dúas embarcacións fora de tempo de control, tívose que conformar cos puntos e o bronce de Jesús Fdez. Dopico en K1 veterano, relegando a esta potente escadra a unha inhabitual 12ª posición por clubs, superados polo CP Altruán de Ribadeo ocupante da 9ª praza.

O campionato por equipas foi para Cambados, situándose no 2º posto o seu inmediato rival na Liga, o CMRA de Aldán. Terceiros, do total de 21 clubes, foron os vigueses do CKV. En consonancia coas lutuosas datas onde se celebrou o Campionato, suspendeuse a cerimonia protocolaria de entrega de medallas e trofeos por clubs.

Exit mobile version