Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha viaxe de Norte a Norte

ASOCIACIÓN MARIÑEIROS XUBILADOS A MONCLOA de Burela.- A palabra “norteño” pronunciada por un mariñeiro burelao desprende carácter e sobre todo, moita historia. Os nosos mariñeiros son norteños de toda a vida, ao igual que o son tamén os asturianos, cántabros e vascos, cos que mantiveron e –seguen a manter- unha estreita relación.

Son estas semellanzas, contadas unha e outra vez polos vellos lobos de mar ás que impulsaron a realizar unha viaxe ao País Vasco, proxectada desde a Confraría de pescadores de Burela e o Centro de lecer de xubilados do mar, “A Moncloa”.

Foron os mariñeiros vascos quen ensinaron aos galegos do Norte a arte da pesca do bonito e enseguida empezaron a chegar barcos boniteiros procedentes de Asturias e o País Vasco (Avilés, Motrico, Zumaya, Bermeo…) comprados de segunda man ou construídos nos seus asteleiros.

Nos bancos de bonito sempre estiveron e están presentes, polo regular todos os pesqueiros do Cantábrico, na súa maioría vascos e galegos, pero tamén algúns asturianos, e cántabros; e os nosos boniteiros ata ben entrados os anos oitenta do pasado século, acostumaban a vender as súas capturas en portos foráneos, colándose algún entre os propios boniteiros vascos argumentando seren “vascos de corazón”, e dicían verdade.

E por último, aqueles barcos que andaban aos viveiros teñen chegado ata ás praias francesas na procura de carnada.

Eis aquí os motivos desta viaxe, programada para os vindeiros días 30, 31 de agosto e 1 de setembro, nos que se visitarán aqueles portos norteños que tiveron unha especial transcendencia na vida laboral e persoal dos nosos mariñeiros: Santander, Bilbao, Bermeo, Lekeitio, Ondarroa… Trátase en definitiva, dun reencontro coa historia mariñeira, rememorando uns feitos pasados que aínda non foron escritos e que só os propios mariñeiros nolos poden transmitir; e por suposto, de aprender a coidar o noso patrimonio marítimo.

ASOCIACIÓN MARIÑEIROS XUBILADOS A MONCLOA de Burela

Exit mobile version