Site icon Crónica3.com A Mariña

Val lamenta que ao alcalde de Foz “agora lle sorprenda que a oposición explore alternativas tras a súa total inoperancia”

O secretario xeral do PSdeG en Foz, José Ramón Val, lamenta que ao alcalde de Foz “agora lle sorprenda que a oposición explore alternativas” á súa xestión de goberno “tras a súa total inoperancia nos últimos anos”, e lembra que, tal e como xa explicou no seu día nunha rolda de prensa pública, “o PSdeG é un partido vivo en Foz que non quere seguir deixando pasar o tempo sen facer algo por cambiar a situación política do Concello”, polo que non entende agora a reacción do rexedor ante unha situación xa coñecida e feita pública. Val destaca que “ningún socialista que forme parte dun proxecto serio e que teña vocación de goberno pode permitir algo como o que está a vivir o municipio focense”.

O socialista afirma que “o señor que se senta no asento da alcaldía coñece perfectamente o que sucede en Foz e por iso está nervioso, porque sabe que non ten xestión, que nestes dous anos non fixo nada neste Concello e que calquera veciño o pode comprobar”. É nesta situación, di, “cando se recorre ao insulto e ao descalificativo persoal, algo que desde o PSdeG non é necesario”.

Val Alonso lembra os “dous anos de retroceso do municipio en todos os aspectos”, e incide en que “calquera indicador que se colla amosa que o Concello está nunha situación peor, en calidade democrática, en que non se respectan os acordos plenarios, na entrega do equipo de goberno, na xestión, na limpeza de rúas, na calidade dos servizos municipais e en todo”.

Como exemplos da “nefasta labor de goberno” do alcalde, destaca algúns casos:
– Non fixo nada por iniciar a residencia de maiores.
-Non fixo nada polo gran megaproxecto do porto prometido polo PP, coas dúbidas que suscita o dragado entre os veciños.
-Non fixo nada nin foi capaz de acordar unha ubicación para a depuradora.
-Subiu os impostos e empeorou a calidade dos servizos.
-Renunciou a plans gratuítos de innovación e servizos ofertados por outras administración, como a Deputación provincial, optando por outros moito máis caros co conseguinte custo para as arcas públicas.
-As bases de contratación están feitas a medida, contrátanse empresas privadas para realizar tarefas públicas con cartos de todos os veciños, pagando moito mais por servizos que se poderían realizar de xeito mais económico.
-Non é capaz de aprobar uns orzamentos, deixa fóra de contabilidade máis de medio millón de euros que os proveedores tardan en cobrar e non respecta a orde de pago das facturas.
-As praias atópanse en estado lamentable de abandono, non é capaz de ter un servizo de limpeza nin de garantir a cobertura con socorristas titulados.
-Non foi quen nin de facer unha aceira no campo de fútbol…
Val lembra que incluso os socialistas “lle deron o apoio nos seus primeiros orzamentos municipais, e nin así foi quen de facer nada nin de xestionar os problemas”, polo que, engade, “a realidade xa se encarga de falar e todos os veciños saben perfectamente cales son as regras da democracia, na que as maiorías son as que poden conformar goberno”. Por iso “non hai nada que dicir cando alguén cualifica de non demócrata unha moción de censura, unha opción perfectamente regulada no artigo 197 da Loreg”.

Exit mobile version