Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación celebra o Día da Patria Galega coa lectura dun manifesto do Partido Galeguista de 1935

acto_patria_lugoLugo, 24 de xullo de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrou na mañá deste mércores 24 de xullo, o Día da Patria Galega cun acto diante do Museo Provincial de Lugo no que interveu o delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, dando lectura a un manifesto en defensa do Día da Patria Galega e no que a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu un concerto que rematou coa interpretación do himno galego

O manifesto ao que deu lectura Mario Outeiro foi o mesmo manifesto que fixeron público o 25 de xullo de 1935 o grupo de galeguistas lucenses; un documento que foi editado por un agrupamento que naquel momento dirixían figuras senlleiras como Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey, Ánxel Fole, Luis Pimentel e Álvaro Xil entre outros, e que foi redactado por encomenda do presidente do Partido Galeguista en Lugo, Ben-Cho-Shey, ao gran escritor nacional e auténtico defensor da cultura galega durante o século XX, un ourensán vinculado a Lugo como don Ramón Otero Pedraio.

Para o delegado provincial “o acto de hoxe responde á vontade da Vicepresidencia da Deputación de institucionalizar e oficializar o 25 de xullo como festa maior dos galegos e galegas, ben sexa na súa denominación oficial como Día Nacional de Galiza ou ben na súa denominación social como Día da Patria Galega. Queremos institucionalizar e oficializar esta data porque se o facemos estaremos actuando como cidadáns de primeira. Celebrando e conmemorando esta data estaremos situando ao noso pobo á altura do que hoxe son os pobos libres e do que algún día seremos nós. Este acto, que hoxe nos congrega na Praza da Soidade, significa afirmarnos na nosa condición nacional e significa explicitar a vontade dunha nación que só agarda dotarse dun aparato de Estado para exercer en condicións de igualdade no concerto dos pobos do mundo”.

“Non é esta reivindicación – continuou Outeiro- creada polos galegos do século XXI nin unha data que restauraron os nosos predecesores na loita por Galiza durante o período franquista. Estamos diante dunha reivindicación que vén de lonxe, dos inicios do Estado moderno aló polo século XVI, e que xa afirmaban con rotundidade ao igual que no manifestou ao que vou dar lectura”.

O manifesto que foi lido en Lugo o 25 de xullo de 1935 e que hoxe se volveu ler insiste na importancia desta data para todos os galegos para homenaxear aos nosos antergos e afirmar a nosa identidade do pobo galego: “Galegos de Lugo, en chegando ista data, pra nós sagra, e sen mais tíduos qu’o srmos vosos irmáns, pregamos-vos unha lembranza agarimosa e doce pra aquiles herois da nosa Grande Arela, e un achego pra nós, pra facermos xuntos n’ista Diada da Patria Galega, un homenaxe afervoado e sinxelo o geos e o ethnos de quen somos, procramando d’iste xeito a todol-os ventos e rubindo por enriba de todal-as outuras, a fachenda da nosa persoalidade e do noso sangue, e tamen pra comprire ó mesmo tempo c’unha das leises de Deus, de: donar ensiño o que non sabe, pondo diante dos seus ollos os coores da nosa bandeira en todal-as casas onde mora xente que ten fachenda de de ser galega; e acondindo a donar proporcions e quentura os aitos populares a se celebraren n’iste día, donand’o exempro os non sabedores, e contribuíndo asina a mór brileza do limpo espello da nosa señeira, que é a de todos.”.

Tras a lectura do manifesto, Outeiro remarcou a importancia de reivindicar a soberanía de Galiza para “preservar a lingua galega desde a plena oficialidade e desenvolvermos con naturalidade a nosa cultura, as nosas artes e a nosa capacidade creativa en todos os eidos, para contribuírmos como galegos á avinza civilizatoria da humanidade. Galiza precisa soberanía para termos un relacionamento integral, multifacético e mutuamente beneficioso con todos os países que usan a nosa lingua e as súas variantes.”

Exit mobile version