Site icon Crónica3.com A Mariña

Os clubs náuticos de Doade, Belesar e Portomarín, a concurso público

Lugo, 13 de xullo de 2013. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres 12 de xullo o procedemento de adxudicación e os pregos técnicos e administrativos das áreas recreativas deste organismo provincial e que corresponden aos clubs náuticos de Doade, no concello de Monforte de Lemos, Belesar Presa, en Chantanda, e o de Portomarín no concello que leva o mesmo nome. Así o anunciou Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, quen precisou que esta “adxudicación, que se levará a cabo de xeito individual para cada área recreativa, responde ao obxectivo da área de Turismo de reforzar a oferta turística da provincia dando solución a un problema real creado despois de que os anteriores adxudicatarios renunciasen á concesión administrativa”.

“Entendemos –continuou Outeiro- que ademais de iniciar o proceso para a súa adxudicación, debemos de redefinir o papel e funcións que deben cumprir os clubs náuticos en relación á oferta turística de cada concello e da comarca”.

Nese senso e como se establece nas bases do concurso público, a parte de valorar a oferta económica que suporá o corenta por cento da puntuación, valoraranse dous aspectos novidosos neste tipo de adxudicacións que suporán o sesenta por cento e que están vinculados á proposta de actividades turísticas complementarias, xa que estudos turísticos están a relevar a importancia de que a oferta turística concreta vaia acompañada dun programa de actividades complementarias en canto son estas as que fan que os viaxeiros permanezan máis tempo no lugar de destino.

“Para o fomento do turismo – puntualizou o delegado de Cultura e Turismo- que os clubs náuticos traballen tamén como auténticos puntos de información turística e se convertan en escaparates de todo o que pode ofrecer a Ribeira Sacra, facendo especial énfase en todo aquilo que a diferenza, como os seus viños, a súa gastronomía ou mesmo o artesanía da zona. Todos eles produtos de valor engadido que fan á Ribeira Sacra aínda máis atractiva”.

Desde á Vicepresidencia da Deputación insístese na importancia de vincular o sector turístico co sector primario e secundario da comarca en canto estes dous están a ser capitais na súa economía.

Exit mobile version