Site icon Crónica3.com A Mariña

A ACIA fai unha valoración positiva da I Festa de Mostras Multisectorial e Salón do Automóbil

Foz, 26 de agosto de 2013. Cerca 15.000 persoas visitaron a I Feira de Mostras Multisectorial e Salón do Automóbil, que se desenvolveu do 22 ao 25 de agosto na explanada portuaria de Foz. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos fai unha valoración moi positiva da cita.

O presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, considera que “se cumpriron os obxectivos que nos marcamos cando comezamos a organizar este evento xunto á empresa ConoceFerias. Démoslle vida á zona portuaria de Foz durante catro días e potenciamos o comercio e a hostalería da vila e da comarca”.

Paleo amósase satisfeito pola acollida que tivo entre os visitantes a feira “e porque as firmas expositoras quedaron contentas coas ventas realizadas e cos contactos feitos ao longo destes catro días e xa pediron reserva de espazo para a vindeira edición”.

O responsable da Asociación de Comerciantes agradeceu “o apoio do Concello de Foz para que esta feira fose unha realidade e a asistencia dos 80 expositores que acudiron a este evento e que están dispostos a volver en edicións sucesivas”. Paleo engadiu que “todo saíu ben, o tempo acompañou, hai cousas que se poden mellorar, pero estamos contentos coa experiencia e cos resultados”.

A I Feira de Mostras Multisectorial serviu tamén para potenciar e para dar a coñecer entre os visitantes a III Festa Normanda que terá lugar en Foz a vindeira fin de semana. Unha das embarcacións que participará no desembarco estivo exposta no recinto feiral, así coma algúns dos traxes que se empregarán nesa importante cita.

Exit mobile version