Site icon Crónica3.com A Mariña

A actriz barreirense Estíbaliz Veiga será a pregoeira das festas patronais de Ribadeo 2013

estibaliz veigaRibadeo, 14 de agosto de 2013. A actriz barreirense Estíbaliz Veiga será a pregoeira das festas patronais de Ribadeo 2013, segundo deu a coñecer na mañá deste mércores a comisión organizadora.

Veiga comezou a súa andaina en televisión no ano 2002 coa serie Avenida de América e participou noutras coma La rosa de Alejandría; Homicidios; A pesar de todo, quérote ou La Salazón, entre outras. No cine interveu en películas coma Los muertos van deprisa, Todo es silencio, Caderno de Bitácora ou Los Fenómenos. Estíbaliz Veiga tamén é unha coñecida actriz teatral. Entre os seus traballos máis destacados figuran: Final de película, Don Quijote de la Mancha, Anxeliños, Pacama, Limpeza de Sangue ou Malas Palabras.

O pregón das festas patronais de 2013 terá lugar o vindeiro 30 de agosto no Cine Teatro de Ribadeo.

Por outra banda, o vindeiro martes, 20 de agosto, ás 17 horas no salón de actos da antiga casa sindical farase o sorteo dos bares que estarán no aparcadoiro municipal durante a celebración dos festexos. Desde a directiva da comisión de festas convidan “a todos os empresarios interesados a acudir a esta poxa, que está aberta a todo aquel que quería ver como se desenvolve”.

Ademais nos locais de hostalería, servizos e comercios atópanse á venda ás rifas para colaborar coas festas patronais de Ribadeo. O seu prezo é de 5 euros/papeleta e os que as merquen terán a posibilidade de gañar 2.000 euros. Iso será si os seus números coinciden co premiado no sorteo da ONCE do 13 de setembro. Desde a comisión de festas sinalan que “todo aquel que queira colaborar coas festas patronais de Ribadeo pode adquirir as súas rifas en ducias de locais comerciais, de hostalería e de servizos. Por só 5 euros poden levar 2.000, unha cifra que nos tempos que corren non está nada mal”.

Exit mobile version