Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá aclara que non fixo as declaracións sobre o saneamento de Requeixo polas que recibiu hoxe críticas de Manuel Martínez

Lourenzá, 28 de agosto de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, aclara que non fixo as declaracións sobre o saneamento de Requeixo polas que recibiu hoxe críticas do deputado provincial socialista Manuel Martínez. O malentendido débese a un erro nunha información publicada por un xornal o pasado sábado.
Diante das acusacións feitas públicas hoxe polo deputado provincial de Xestión Territorial, Manuel Martínez, contra a rexedora municipal laurentina por unhas declaracións sobre o retraso nas obras do saneamento de Requeixo, Emma Álvarez explica que “en ningún momento saíu da miña boca nos últimos días que o retraso nas obras do saneamento de Requeixo fora por culpa da Deputación; aínda que é certo que hai máis de 6 meses, concretamente o pasado 16 de febreiro, cando me reunín co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, falamos dese asunto, entre outros moitos, e eu dicía que estábamos á espera do permiso da Deputación de Lugo”.

Álvarez Chao tamén aclara que “a día de hoxe temos ese permiso e contamos ademais con unha prórroga posto que viña por un prazo de 6 meses e como nese período a Augas de Galicia non lle daba tempo a facer os trámites necesarios e a executar a obra pedimos unha ampliación do prazo, que nos foi concedida pola Deputación”.

Polo tanto a alcaldesa de Lourenzá non mentiu sobre este asunto, porque o día 16 de febreiro, cando falou do retraso nas obras do saneamento de Requeixo, era certo que faltaba o permiso da Deputación.
A alcaldesa lamenta o ocorrido, asunto que xa aclarou co deputado provincial de Xestión Territorial, Manuel Martínez, nunha conversa telefónica que mantiveron este mediodía.

Exit mobile version