Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de cultura da Deputación destina 112.350 euros para axudas ao tecido cultural da Mariña

Lugo, 27 de agosto de 2013. A Área de Cultura da Deputación de Lugo destina un total de 112.350 euros a colaborar con arredor de 70 asociacións culturais da comarca da Mariña, tanto para axudar a organizar eventos de tipo cultural de natureza puntual (que non se alongan no tempo) como para a sufragar os custes da actividade anual destes colectivos. Esta cifra permitirá a un grande número de asociacións e colectivos continuar ou poñer en marcha novas actividades culturais sexa cal sexa a súa ubicación, xa que un dos criterios que se valorou á hora de asignar as axudas foi primar aquelas iniciativas que se desenvolven no rural, xa que a cultura é unha ferramenta de cohesión social e desenvolvemento dos pobos.

En concreto, as asociacións da Mariña solicitaron 57 subvencións para axudar a sufragar os gastos derivados da súa actividade anual e recibiron un importe de 50.700 euros. Mentres que para a organización de eventos culturais, aquelas accións culturais que teñen un carácter puntual e non se alongan no tempo, fixeron a súa solicitude e foron aprobadas un total de 72 axudas a outras tantas asociacións, que contan con 61.500 euros.

En conxunto de toda a provincia, o número de solicitudes recibidas por parte de asociacións culturais é similar á da convocatoria do ano anterior, superando as 500 peticións. Nesta ocasión, presentáronse 547 solicitudes entre as que se repartirá un orzamento de 400.000 euros. Para a promoción e realización de actividades culturais anuais, 250 entidades percibirán até un máximo de 8.000 euros e para a celebración de eventos culturais, 251 asociacións recibirán, cada unha, un máximo de 6.000 euros.

Exit mobile version